A creación do ‘Club de produto enograstronómico do Carballiño’ é o primeiro paso das institucións local, provincial e autonómico para a posta en marcha do Plan de Sostibilidade Turística centrado na figura do pulpo como referente nacional e internacional. Esta iniciativa está pensada para potenciar o atractivo turístico non só do municipio carballiñés senón tamén da súa contorna xeográfica, así como salientar a excelencia dos seus produtos e a riqueza da oferta gastronómica. Este proxecto foi presentado na tarde de onte no salón de actos do Casino do Carballiño aos empresarios, comerciantes e autónomos da zona, un acto que contou coa presenza do alcalde, Francisco Fumega; a xerente do Inorde, Emma González; a directora xeral de Promoción Turística da Xunta, Carmen Pita, e representantes da empresa Eosa, que coordinará todo o proceso.
Neste sentido, Adolfo Neira, voceiro desta entidade, subliñou que “este é un proxecto que se vai a desenvolver ao longo de todo un ano e no que se pretende involucrar ás empresas para que, en colaboración co sector público, tentar mellorar a competitividade turística do Carballiño, xerando novos produtos e atraendo a máis visitantes”. Unha iniciativa que, según Francisco Fumega, “terá unha componente de integración comarcal, co viño do Ribeiro e o pan de Cea como complementos esenciais do noso produto estrela que é o pulpo, recoñecido e consolidado a tódolos niveis”. Pola súa banda, Emma González, destacou o pulpo como “elemento icónico da nosa oferta gastronómica en Ourense, e cando facemos actuacións asociadas a outros produtos turísticos como o Camiño Xacobeo ou o termalismo, o pulpo sempre forma parte desa estratexia”.
A posta en marcha do ‘Club enograstronómico’ é unha das iniciativas contempladas no Plan de Sostibilidade Turística do Carballiño, cun investimento aproximado de 45.000 euros, que se complementará con outros 60.000 euros destinados a unha campaña de visibilización do traballo das pulpeiras e os pulpeiros de Arcos. O Plan, que ascende a un investimento total dun millón de euros, tamén prevé, a nivel local, a ampliación do paseo fluvial do Arenteiro dende a contorna da Ponte Veiga ata O Bañiño de Arcos, cun orzamento de 75.000 euros, e a reconstrucción do muíño e da maquinaria do futuro Museo do Papel de Galicia, cun investimento de 165.000 euros. Ademais, realizarase unha intervención de saneamento da masa forestal do Parque Municipal e contorna do río Arenteiro, cunha partida de 150.000 euros, mentres no camping municipal acometerase a instalación de sistemas de subministro con enerxía solar e de eficiencia térmica, con 145.000 euros.