A Coral Polifónica ‘Casino do Carballiño’ e a Banda de Música de Vilatuxe protagonizarán este venres, 6 de decembro, o xa tradicional “Concerto de Nadal”, baixo o patrocinio do Concello do Carballiño e a Deputación Provincial de Ourense. Esta cita, que cumpre a súa 31ª edición entre os 45 anos de andaina da agrupación polifónica, terá lugar dende as 7 da tarde no Auditorio Manuel María, e foi presentada no Consistorio polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e o secretario, José Antonio Barge, e directivos da entidade. O edil destacou “a lealdade que para O Carballiño ten a banda de Vilatuxe, que nos vén acompañando nos últimos anos e que xa podemos considerar coma un colectivo máis do noso pobo”.
Pola súa banda, José Antonio Barge, agradeceu o apoio do Concello e da Deputación e lembrou que “dende o ano 2012 que temos como director a Jaime González Pichel, o concerto de Nadal sempre o facemos conxuntamente coa banda de Vilatuxe”. Comentou que o programa estará dividido en tres partes, correspondendo a primeira á actuación da coral en solitario, “cunha novidade importante, xa que interpretarán unha panxoliña dos séculos XV ao XVI da que é autor Juan de la Encina”. Na segunda, será a banda quen de ofrecer o seu reprertorio, para rematar a sesión cun recital conxunto de coral e banda “que renderá homenaxe á música popular galega, continuando deste xeito cos ofrecidos á clásica e ao grupo Abba nos dos últimos anos”.
O secretario da Coral tamén adiantou que “haberá unha sorpresa final, que consistirá na interpretación dunha canción dirixida a todo o público en xeral e coa que se pretende que todos teñamos unha actitude positiva ante a vida”.