A feira de artesanía de Ribadavia, modelo para o plan de dinamización comercial das vilas de Galicia en 2025

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo o evento Artesanía, saber e sabor, que se celebra ata este domingo en Ribadavia, como exemplo de experiencia de comercialización ligada ao territorio, e que serve como punto de partida do proxecto piloto de dinamización do tecido comercial de cabeceiras de comarcas galegas que a Xunta implantará ao longo do 2025. Nesta liña, destacou que o evento desta ponte na capital do Ribeiro fai uso efémero de baixos comerciais en desuso nos que teñen lugar moitas das actividades, contribuíndo deste xeito a revitalizar o casco histórico. Isto será parte central da filosofía de Vilas Vivas, tal e como sinalou no marco do percorrido que realizou hoxe polos expositores dos mercados de Artesanía de Galicia e Artesanía Alimentaria e por diferentes obradoiros que forman parte desta acción.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

González quixo remarcar o amplo programa de actividades para todos os públicos de Artesanía, saber e sabor, evento organizado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e a Consellería do Medio Rural e que, ademais dos mercados e obradoiros inclúe catas, degustacións, baile, música ou sorteos de lotes de produtos de Artesanía de Galicia e de Artesanía Alimentaria. Durante o percorrido o conselleiro estivo acompañado polo alcalde de Ribadavia, César Fernández; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén; e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro.


José González sinalou a importancia de potenciar o comercio como un motor de dinamización socioeconómica e turística para revitalizar as vilas galegas e fusionar a tradición e a innovación atendendo ás novas tendencias do mercado. Con ese fin, explicou o titular de Emprego, e usando como o exemplo a experiencia pioneira deste fin de semana, a través de Vilas Vivas darase unha nova vida a baixos comerciais en desuso de cascos históricos como o de Ribadavia -que será un dos eixos deste programa piloto no 2025-, para o desenvolvemento de eventos efémeros abertos a participación de artesáns, bodegas, produtos de artesanía alimentaria ou outlets de moda. Deste xeito, ligarase comercio, enogastronomía, turismo e cultura para ofrecer unha experiencia integral capaz de atraer visitantes durante as fins de semana.

Programa da feira

“Artesanía, saber e sabor” reúne ata mañá a máis unha vintena de artesáns e obradoiros adheridos á marca. ⁠A igrexa de Santa María de Magdalena abrangue diferentes expositores de artesáns, pertencentes aos sectores da olería e cerámica, bixutería, xoiaría, calceta, coiro, feltro e relacionados coa moda. Tamén están programados obradoiros e demostracións en diferentes localizacións do casco antigo de Ribadavia e que serán abertas ao público. Haberá propostas de arranxos florais, estampaxe de postais, de cianotipias, de elaboración de sanandresiños ou de torno cerámico, nos que se poderán elaborar detalles cos que adornar as casas durante o Nadal.O mercado de Artesanía Alimentaria está ubicado na Praza Maior e conta con preto de 20 expositores, cunha selección de produtos alimentarios galegos de calidade diferenciada como queixos, xeados, mel, conservas, embutidos e hoxe acolle unha demostración de Brunchs de Nadal, elaborados con produtos de Artesanía Alimentaria emplatados en soportes de Artesanía de Galicia.