O Parlamento de Galicia reclamou por unanimidade a rehabilitación integral da estrada nacional N-541, a vía onde en Noiteboa de 2022 ao seu paso polo municipio pontevedrés de Cerdedo-Cotobade se rexistrou o accidente con autobús que causou sete mortos e varios feridos ao despeñarse polo viaduto de Pedre.
A Cámara reclamou ao Goberno que deseñe unha rehabilitación integral da estrada nacional que une as capitais pontevedresa e ourensá, sinalada polo deputado popular Argimiro Marnotes como unha das vías “con máis sinistralidade” de Galicia.
Tras enumerar unha serie de accidentes rexistrados na N-541 e aludir ao Pacto de Pedre, que reúne a alcaldes e alcaldesas polos que discorre a infraestrutura en demanda de melloras de seguridade na estrada, Marnotes incidiu en que o arquivo da causa contra o condutor do autocar “demostra” que a causa do accidente de Pedre “foi o mal estado da estrada”. Por iso, a iniciativa do PP reclama unha actuación integral porque “non hai que esperar a lamentar máis vítimas para tomar medidas”, á vez que solicita que se leve a cabo un estudo que analice a viabilidade de construír unha vía de alta capacidade que sirva de alternativa e que non transcorra por Pontevedra nin O Carballiño.