O Psdeg-Psoe reclama unha liña de axudas equitativas para as asociacións de comercio local de Ourense

O Psdeg-Psoe reclama unha liña de axudas equitativas para as asociacións de comercio local de Ourense co fin de acabar cos repartos a dedo de Baltar

Publicidade

Elvira Lama asegurou que a iniciativa “pretende favorecer” ao comercio “que está a atravesar un momento crítico e moi difícil en todo o país, pero especialmente nesta provincia”

Igualmente demandarán a creación do “Plan Estratéxico do Comercio de Ourense”, en colaboración coas asociacións e centros comerciais abertos, co fin de desenvolver accións colectivas de promoción

 O PSdeG-PSOE solicitará a creación dunha liña de axudas para as asociacións de comercio local da provincia, co fin de acabar cos “repartos a dedo” de Manuel Baltar na Deputación de Ourense. Desde Xinzo de Limia, os socialistas explicaron hoxe que estas axudas “deben ser impulsadas de forma proactiva pola institución” como políticas de fomento da competitividade, do comercio e da loita contra o desemprego, pero “sempre en condicións de transparencia, igualdade e equidade”.

Nunha iniciativa que se debaterá no pleno de xuño, reclamarán a creación dunha “liña de axudas de concorrencia competitiva con criterios obxectivos e igualitarios neste 2021”, a través dunha modificación de crédito de 500.000 euros. Tamén pedirán que esta liña perdure en vindeiros exercicios orzamentarios para a subvención regular de campañas de márketing dixital e venda en liña; de fidelización e dinamización; e para gastos correntes e de xestión.

Igualmente demandarán a creación do “Plan Estratéxico do Comercio de Ourense”, en colaboración coas asociacións de comerciantes e centros comerciais abertos, para “desenvolver accións colectivas de promoción comercial, que permitan mellorar a competitividade e impulsar a modernización do sector comercial e de establecementos de venda directa”.

A vicevoceira do grupo provincial, Elvira Lama, asegurou que a iniciativa “pretende favorecer” ao comercio “que está a atravesar un momento crítico e moi difícil en todo o país, pero especialmente nesta provincia”. “A pandemia puxo enriba da mesa que os e as comerciantes ourensáns precisan axudas urxentes e tamén a protección do concello dos concellos”, insistiu en referencia ao “nulo” papel do goberno de Baltar neste sentido.

“Moitos deles e delas xa presentaron iniciativas ante a Deputación Provincial e só obtiveron a calada por resposta”, denunciou Lama antes de advertir que “a única resposta que recibiron ata o de agora foi dos concellos onde están asentadas esas asociacións e centros comerciais abertos”. “É perentorio que a institución se implique proactivamente para axudar equitativamente a todas as vilas de Ourense con axudas e cun plan estratéxico, para facer campañas de promoción, fidelización e calquera outra estratexia que favoreza ao sector comercial e empresarial”, dixo a deputada desde a Praza Maior da vila. “Agardamos que, desta volta, a Deputación si sexa quen de apoiar a todas estas asociacións que representan ao tecido comercial”, concluíu.

Os socialistas recordan que a Xunta convoca anualmente unha liña de axudas similar “pero deixando o dedo divino ao un lado” porque son instrumentadas “en réxime de concorrencia competitiva”. “O que demandamos na Deputación de Ourense é o procedemento normal en todas as administracións públicas democráticas salvo nesta institución, que segue ancorada nos repartos caciquís e decimonónicos que só lle interesan a Baltar por intereses persoais”, insisten.

Estas organizacións son coñecedoras de primeira man das necesidades do comercio local e, ademais, son unha “peza clave” no referente á prestación de servizos de proximidade e para a creación de emprego. Desde o PSdeG-PSOE recordan que “nos últimos anos, moitas destas asociacións presentaron diferentes proxectos diante da Deputación Provincial e non tiveron acceso ás axudas solicitadas, a pesar de ser un elemento nuclear das vilas e localidades”.