Os trámites para a adxudicación do ‘Ciclo integral da auga’ do municipio do Carballiño iniciouse hoxe coa aprobación, por parte do Pleno da Corporación municipal, da mesa de contratación que rexirá o proceso da convocatoria, ao que optan un total de nove empresas. Ao inicio da sesión, a Corporación gardou un minuto de silencio en solidariedade coas familias das vítimas de violencia de xénero de Viveiro e Cartaxena. A comisión que se encargará de seleccionar as plicas presentadas ao concurso da auga estará integrada por tres técnicos da Deputación Provincial de Ourense e outros tres do Concello carballiñés, unha representación que non convenceu ao grupo municipal de Espazo Común, que votou en contra destes nomeamentos, que finalmente foron aprobados polos votos maioritarios do equipo de goberno de PSdeG-PSOE e Partido Popular. O voceiro de Espazo Común, Adolfo Nogueira, preguntouse “por qué se lle dan as chaves aos técnicos da Deputación e non hai representación política nesta mesa, na que debería estar o arquitecto do Concello xa que nas bases figura un investimento de 7 millóns en obras”. Asemade, anunciou que o seu grupo presentará un recurso de reposición contra o acordo plenario tomado hoxe.
Pola súa banda, o voceiro do PP, José Castro-Gil, apuntou que “os políticos non estamos capacitados para estar na mesa, e o personal técnico que vai estar nela é o mellor, coma é o caso dos xefes de servizo da Deputación”. O alcalde, Francisco Fumega, asegurou que “calquera concelleiro ou veciño, e incluso os medios de comunicación poderán estar presentes neste proceso de adxudicación, ao que concurriron nove empresas”. O rexedor socialista indicou que “no contrato contémplanse 7 millóns de euros para a renovación dos depósitos de captación e da rede de abastecemento e saneamento, para evitar as fugas de auga que xa representan un 40% de perdas na actualidade”. O debate deste punto da orde do día do Pleno rematou coa votación, que rexistrou 11 votos a favor da composición da mesa e 4 en contra.
Na sesión plenaria, os mesmos 11 votos de PSdeG-PSOE e PP foron claves para desestimar as alegacións formuladas por Espazo Común ás subas das taxas pola recollida de lixo e de subministro domiciliario de auga. No primeiro caso, este grupo da oposición non estaba dacordo en que sexan tramitadas directamente pola Deputación e, no, segundo, que o custe se calcule según o incremento do IPC. Adolfo Nogueira tamén adiantou que presentarán un recurso de reposición contra este acordo plenario. Tras voltar a retirar a moción aprazada da sesión de novembro sobre a ampliación da área de lecer sobre o túnel de Catro Camiños, o grupo de Espazo Común presentou unha relativa á mellora, por parte do Concello, da transparencia informativa e participación cidadá, que contou co apoio do goberno municipal. Tamén houbo unanimidade da Corporación a dúas propostas do mesmo grupo da oposición para solucionar os problemas de cobro de nóminas que afectan ás traballadoras do Servizo de axuda no fogor e da Residencia do Maior do Cornuval.