O escritor, co artigo «A metade do inverno vai fóra», publicado en La Voz de Galicia, recibiu o galardón, dotado con 10 000 euros, promovido pola Obra Social de ABANCA
No acto, que se celebrou hoxe na Sede Afundación Pontevedra, o xurado anunciou a súa resolución entre as tres persoas finalistas: Diego Ameixeiras, Antía Yáñez e Xavier Lama
17.12.2024. Afundación, a Obra Social de ABANCA, celebrou hoxe na Sede Afundación Pontevedra o acto de entrega do XXI Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego, outorgado a Diego Ameixeiras Novelle por «A metade do inverno vai fóra», publicado en La Voz de Galicia o 10/02/2023.
Acompañaron o premiado, ademais das outras dúas persoas finalistas, Antía Yáñez e Xavier Lama, o director xerente de Afundación, Pedro Otero Espinar; e as persoas integrantes do xurado: Víctor Freixanes, presidente; Fina Casalderrey, vogal; Mar Mato, vogal; Gloria Rodríguez López, vogal; Xosé Carlos Caneiro, vogal; e Carlos Valle, secretario.
Desde Afundación, incidiu o seu director xerente, Pedro Otero Espinar, en que «con cada edición deste galardón que convocamos, contribuímos a dinamizar o panorama cultural de Galicia, e iso, para nós, significa materializar un dos nosos compromisos estratéxicos, un desafío especialmente esixente dada a conxuntura de recoñecemento que estamos a vivir na última década, na que a produción narrativa, poética, ensaística, dramática, investigadora e xornalística de Galicia está recibindo os máis distinguidos galardóns no conxunto de España». Pedro Otero quixo, ademais, remarcar os «parabéns por esta distinción ás tres persoas finalistas, porque a concorrencia tan constante a este certame reflicte o interese por unha prensa de calidade e en galego, que, da man dos novos e experimentados valores das nosas letras, procura satisfacer as demandas esixentes da sociedade».
A continuación, o presidente do xurado, Víctor Freixanes, destacou o compromiso de Afundación coa cultura e quixo acentuar o valor do «talento, que, no caso das tres persoas finalistas, foi poñer en palabras as emocións e sentimentos profundos que a memoria nos traslada. Os vosos traballos son moi intensos e dunha exquisita calidade na escrita, tanto nas voces máis veteranas de Xavier Lama e Diego Ameixeiras, como na máis nova de Antía Yáñez. É un privilexio que Afundación dinamice un premio tan necesario coma este. Moitas grazas á Obra Social ABANCA».
Diego Ameixeiras quixo destacar «a complicidade e a paciencia de todas as persoas coas que traballo en La Voz de Galicia e o valor de quen me acompañaron na candidatura de finalistas, Antía Yáñez e Xavier Lama, con que comparto o respecto pola memoria, un elemento fundamental para todas as persoas que nos dedicamos á escrita». Antía Yáñez e Xavier Lama foron obsequiados con cadansúa lámina de autor en calidade de finalistas.