O pavillón polideportivo ‘O Consello’ de Ribadavia disporá dunhas novas e máis amplas instalacións unha vez sexa executado o proxecto de reforma previsto pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, cun orzamento estimado en 650.000 euros. O responsable deste departamento da Xunta de Galicia, Diego Calvo, acompañado pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe a vila do Avia para coñecer as melloras previstas neste centro deportivo municipal co apoio da Xunta. A través da liña de axudas do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local (FCL), dotada con 8,5 millóns de euros e destinada a investimentos en infraestruturas municipais de carácter estratéxico, o Goberno galego destinará case 650.000 euros á ampliación e reforma deste espazo a prol do deporte na comarca do Ribeiro.
O alcalde de Ribadavia, César Fernández, acompañado por membros da Corporación, guiou ás autoridades autonómicas polas actuais instalaciónse do polideportivo, en cuxo soto se centrarán os traballos de ampliación, á vez que agradeceu o compromiso da Xunta para apoiar estas obras de acondicionamento. Segundo explicou o conselleiro, a iniciativa enmárcase no Plan Ribadavia Activa, que ten como obxectivo fomentar a práctica deportiva entre a poboación, tanto de carácter federado como non federado. De feito, sinalou que as instalacións que se prevé mellorar dan servizo a clubs deportivos de distintas disciplinas, como balonmán, baloncesto, karate, ximnasia rítmica ou fútbol; ao deporte escolar, acollendo as competicións do programa Xogade; e ao conxunto da veciñanza que quere mellorar a súa condición física e a súa saúde, con salas de actividades e musculación.
Diego Calvo lembrou que as actuacións beneficiarias da nova liña de axudas no conxunto de Galicia ascenden a unha vintena. As obras céntranse en infraestruturas hidráulicas, culturais, deportivas, de mobilidade e accesibilidade e para servizos sociais. Na provincia de Ourense, xunto coa iniciativa presentada por Ribadavia, resultaron beneficiadas as de Cortegada, tamén para a mellora de instalacións deportivas, e a de Verín para a mellora da eficiencia enerxética da EDAR.
Tendo en conta esta actuación prevista no pavillón polideportivo, Diego Calvo destacou que nos últimos anos o Goberno galego investiu en Ribadavia máis de 1,2 millóns de euros a través das diferentes medidas de apoio ao eido local, como a Orde de infraestruturas de uso público, o Fondo de Compensación Ambiental, a orde de axudas de eficiencia enerxética cofinanciado con fondos Feder ou o Fondo de Cooperación Local, no que se enmarca esta liña dirixida a proxectos estratéxicos.