O espectáculo ‘Tributo del Rey León’ completará o aforo do Auditorio do Carballiño

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O éxito de público está garantido para asistir ao espectáculo “Tributo del Rey León”, mañá venres, 3 de xaneiro, no Auditorio Manuel María do Carballiño. Unha das actividades contempladas na programación do ‘Nadal Cultural’ elaborada pola Concellería de Cultura para estas datas festivas e que está a ter unha excelente acollida entre a veciñanza e incluso atraer a visitantes doutras localidades da provincia e do resto de Galicia. É o caso deste musical, que xa pasou polo teatro da Gran Vía de Madrid e que será ofrecido pola compañía Onbeat ás 18,00 h.

Dende o Concello informan que, das 420 entradas postas á venda, xa son poucas as disponibles para asistir a este espectáculo, disponibles en woutick.es e no café A Solaina do Carballiño, ao prezo de 15,40€. Un espectáculo que vén avaliado polo éxito acadado en máis de 40 cidades nos seus primeiros meses de xira e que máis de 600.000 espectadores xa o desfrutaron.

O programa cultural do Nadal do Carballiño continuará este vindeiro sábado, día 4, co ‘Concerto de Ano Novo’, que terá lugar ás 19,00 h. no templo de A Veracruz a cargo do coro de cámara Música Viva. E xa o domingo, día 5, os Reis Magos chegarán dende Oriente para saudar á veciñanza e logo recibir as peticións da cativada. Para o luns, día 6, A Veracruz voltará ser escenario dun concerto, neste caso da Coral Polifónica do Casino, que protagonizará o ‘Concerto de Reis’ dende as 18,00 h.