O balance realizado polo alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, sobre a xestión municipal do ano recén finalizado non convence a Espazo Común. En verbas do seu voceiro na Corporación municipal, Adolfo Nogueira, foi “un ano triste”, xa que o pacto de goberno asinado entre PSOE e Partido Popular non está a responder ás expectativas anunciadas, e representa “unha estafa que está a cometer cos cidadáns do Carballiño”. O concelleiro pon coma exemplo a falla de orzamentos para este 2025, “que aínda que se aprobaran agora, ata o mes de abril non estarían en vigor”, á vez que se pregunta “ónde está a estabilidade que iba ter o Concello con este acordo de goberno”.
O representante de Espazo Común lembra os proxectos anunciados reiteradamente por Fumega e que aínda están pendentes de execución, coma son “a peatonalización da Praza Maior, a ampliación do Parque empresarial, a reforma do Parque municipal, a posta en marcha do Museo do Papel ou a promesa dun Centro de Saúde novo”, entre outros. Adolfo Nogueira subliña que “hai unha gran parte da cidadanía que xa está cansa e farta que lle tomen o pelo” e que “os veciños queren realidades e proxectos, queren un Carballiño que avance, e nós estaremos aí para todos aqueles que non están dacordo con esta parálise”.