O Psdeg-Psoe estuda persoarse como acusación popular no xuízo contra Baltar

O Psdeg-Psoe estuda persoarse como acusación popular no xuízo contra Baltar por conducir temeraria e reincidentemente un coche da deputación a 215 km/h

Están a analizar cos técnicos ser parte na causa penal porque ten un “evidente interese público”, logo de comprobar a “actitude obstrucionista” e “burda” do presidente ante as citacións da xustiza

AVANTAR ACTIVIDADES

“Non só por xustiza; tamén porque cremos que é necesario que se tomen medidas para rehabilitar a un condutor temerario reincidente”, aseverou o voceiro, Rafa Villarino

Ourense, 12 de maio de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense estuda constituírse como acusación popular no xuízo que se celebrará o  mércores 31 de maio no xulgado do penal único de Zamora, no que se axuizará a Manuel Baltar tras ser cazado pola Garda Civil, conducindo temerariamente a 215 km/h un vehículo oficial da Deputación Provincial pola autovía das Rías Baixas o domingo 23 de abril de 2023.

Os e as socialistas están a analizar con técnicos ser parte nesta causa porque ten un “evidente interese público”, logo de comprobar a “actitude obstrucionista” e “burda” do presidente ourensá durante última semana ante as citacións da xustiza, chegando a ser advertido, entre outras sancións, dunha posible orde de detención “pola que recibiu unha chamada de Génova” e tras quedar evidenciado grazas aos medios de comunicación que esta perigosa condución é unha “actitude reiterada” e non un despiste puntual.

O voceiro do PSdeG-PSOE da institución provincial, Rafa Villarino, explicou hoxe que estamos ante unha “situación realmente paragóxica”, onde existe un escrito “do seu puño e letra onde recoñece claramente os feitos” e un “xuízo onde non se amosa conforme” ao negar eses mesmos feitos.

“Que persegue o PP contando cunha persoa encausada polo penal e tan pouco exemplar á fronte da Deputación, como candidato en Esgos e como persoa que está a presentar aos candidatos deste partido na provincia”, preguntou antes de advertir que a estratexia de Baltar para “non ter ningunha condena durante a campaña electoral é infantil” porque a previsible sentenza condenatoria “vai ser anterior á constitución da seguinte corporación provincial”.

“Podémonos atopar” no pleno de elección do presidente da Deputación “ante un presunto delincuente” que opta ao cargo, advertiu o líder socialista quen manifestou que, antes estes feitos, “nós cremos que hai que actuar” e por iso estudan a ser acusación no xuízo. “Non só por xustiza; tamén porque cremos que é necesario que se tomen medidas para rehabilitar a un condutor temerario”, aseverou tras relatar que, por exemplo, a Fiscalía de Galicia creou un programa de rehabilitación para “condutores infractores reincidentes” con tres ou máis sancións nos últimos cinco anos.

“Nós entendemos que unha conduta antisocial como esta é intolerable” no máximo representante da provincia e, en definitiva, cremos que debe “recuperar unha exemplaridade que, a día de hoxe, non posúe e, polo tanto, non pode representar ao organismo”, dixo Villarino.

“É necesario que a provincia de Ourense teña cargos exemplares que sirvan de referente a toda a cidadanía e que as persoas que necesitan tratamento o reciban e sexan rehabilitadas”, insistiu ante as reiteradas sancións do presidente ao volante. “Por este motivo tamén pedimos ao Partido Popular que aparte a Manuel Baltar da campaña electoral e o substitúa por persoas máis exemplares”, reclamou.

Apagón informativo

Villarino tamén denunciou o “apagón informativo” do goberno de Manuel Baltar, tras solicitar información sobre as inxentes multas impostas aos vehículos do parque móbil público da Deputación desde o ano 2012; a copia das gravacións das cámaras de seguridade do patio do Pazo Provincial onde estacionan os coches oficiais; a copia dos expedientes sobre as multas ou sancións abonadas pola institución ou o rexistro das persoas que conduciron estes turismos.

“A famosa transparencia da que presume o presidente Baltar, neste caso, non existe”, dixo o voceiro do PSdeG-PSOE quen remachou salientando que é a “primeira vez” que non contesta á información que lle solicitamos.