Tras un novo anuncio de Concello e Xunta de Galicia dun proxecto xa aprobado, como é o subministro e tratamento da Groba e Chabolas, Ribeiro en Común pide que se leve a cabo sen máis demora, xa que, recordan, “que a inicios do ano 2023 xa fora acordado e anunciado, sen que se explicaran as razóns reais para que non se comezaran as obras”. Dende esta formación política apuntan que “a Xunta e o Concello, en lugar de abordar os problemas reais da rede de auga de todo o municipio, optan por volver anunciar un proxecto que debería estar xa coas obras comezadas, e, en lugar diso, o proxecto continúa demorándose”.
Ribeiro en Común volta reivindicar que o proxecto da Groba, Chabolas e Sanín se comece o antes posible, e que o goberno local aborde dunha vez os problemas reais da rede de auga municipal. Neste sentido, demandan que se retome o proxecto da nova captación realizado no anterior mandato e que foi aprobado pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. Engaden que “no día de onte, o PP local no goberno de Ribadavia, volveu anunciar un acordo do Concello conseguido cando estaban na oposición”, un anuncio que califican de decepcionante de parte da Xunta e do Concello, xa que, consideran que “o problema da auga en todo o municipio de Ribadavia continúa sen abordarse, e tampouco se explica a causa da demora nas obras da rede nos núcleos da Groba e Chabolas, nin se informa dos novos prazos”.
Por todo elo, dende Ribeiro en Común pídenlle ao alcalde “que deixe de repetir anuncios do ano 2023, e reclamamos celeridade para comezar as obras sen máis demora na rede de auga da Groba, Chabolas, O Seixo e Sanín”. Do mesmo xeito, reiteran a súa reclamación sobre “o verdadeiro anuncio que Ribadavia precisa de Augas de Galicia da Xunta: o finanzamento do proxecto da nova captación de auga no río Miño” para abastecer ao municipio de Ribadavia.
Asímesmo, lembran que “Xunta e Augas de Galicia continúan tendo unha débeda histórica pendente con Ribadavia, e a obriga do alcalde é reivindicala. A Alcaldía debe exercer a súa responsabilidade, xa que o problema na rede de auga de Ribadavia continúa sen abordarse, unha rede obsoleta que en 2022 deixou ao noso municipio un mes sen auga, nunha crise moi grave que o Concello debe evitar que se poida volver repetir”.