Manuel Baltar apoiará “cantas medidas sexan necesarias para lograr un maior pulo normalizador no emprego da lingua galega”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O presidente da Deputación reivindicou a importancia da poesía, “a música das palabras”, durante o Día mundial da Poesía celebrado na Insua dos Poetas. Un acto que “xunta os tres elementos esenciais da identidade galega: unha natureza ben definida, un pobo e a lingua que nos distingue e nos caracteriza” 

Coa presenza de autoridades políticas como o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e rapaces de dez colexios, o acto homenaxeou a Florencio Delgado Gurriarán e ás Letras Arxentinas

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luís González Tosar, lembrou aos nenos ante a “barbarie da guerra” a importancia da cultura: “Vós tedes a palabra, o artefacto máis potente do mundo”

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, participou esta mañá na Insua dos Poetas, en O Carballiño, na celebración do Día mundial da Poesía na Insua dos Poetas. Asistiron tamén o conselleiro de Educación, Román Rodríguez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega e o cónsul xeral da República Arxentina en Vigo, Horacio Martín Doval. Participou alumnado dos centros IES No1 do Carballiño, IES Chamoso Lamas do Carballiño, Colexio Vila do Arenteiro, Colexio Sagrado Corazón, CEIP Calvo Sotelo, CEIP Uceira, CEIP Maside, CEIP Boborás, CEIP O Irixo e alumnado do IES O Castro, de Vigo.

Manuel Baltar iniciou o acto parafraseando a Ramón Piñeiro: “Como dicía no seu ensaio ‘Olladas no futuro’, a poesía na lingua propia foi e será sempre a mellor maneira de adentrarse e de comprender a fonda significación de Galicia, o seu se espiritual”. O presidente da Deputación remarca que, na liña de pensamento de Piñeiro, o acto desta mañá xunta “os tres elementos esenciais da identidade galega”: “Unha natureza ben definida, un país, un pobo, as nosas xentes -en especial os máis novos, o verdadeiro futuro- e unha nación cultural con idioma propio, a lingua que nos distingue e caracteriza, a fala na que cantaron e seguen a cantar os nosos poetas”. 

O presidente da Deputación repasou as raíces do galeguismo, representado na tradición literaria galega con fitos coma a Xeración Nós, un pilar do goberno provincial de Ourense manifestado con actos coma o “Manifesto do Irixo”, o compromiso asinado o pasado ano lembrando os pasos de Ramón Otero Pedrayo, López Cuevillas ou Vicente Risco. “Hoxe lembramos, polo moito que significan, os acentos de milleiros e milleiras de ourensáns e ourensás, que alentaron á fala propia nos seus fogares e nos seus traballos, nas súas vidas, dentro e fóra de Galicia, alí a onde levasen os sábregos ventos da inmigración”, sinalou o presidente da Deputación de Ourense, que destaca que “a lingua propia, como establece o Estatuto de Autonomía, constitúe a chave da identidade de Galicia, por iso dende a peculiaridade ourensá, a ourensanía, un sentimento que transcende límites administrativos e non entende de fronteiras, algo que nace connosco e que permanece, comprometémonos a apoiar cantas medidas sexan necesarias para lograr un maior pulo normalizador que incida no emprego da lingua galega a todos os niveis”. 

Manuel Baltar quixo reivindicar o futuro da poesía: “É a expresión da liberdade, pero tamén pode ser lirismo puro, sátira, humor, crítica e denuncia social, exaltación da natureza, canción de amor ou desamor e outras moitas formas de sentimento. A poesía procura a verdade, e dende a música da palabra, segue a ser útil e válida no tempo presente por moi convulso que nos pareza. A poesía perdurará, por iso seguiremos celebrándoa cada 21 de marzo”. 

O conselleiro Román Rodríguez destaca a importancia de reivindicar a cultura: “Hoxe é máis necesario que nunca”

Durante a súa intervención, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, tamén valorou a importancia da poesía nestes momentos convulsos: “Esta non é situación fácil, pero actos así non son superfluos. Se sempre é importante celebrar estas actividades e poñer en valor a cultura, hoxe é máis necesario ca nunca”. O conselleiro celebrou os fortes vencellos de Galicia coa poesía: “Nós somos Galicia por moitas cousas, fundamentalmente grazas ao noso idioma e tamén pola poesía. Somos un país de poetas”. 

Pola súa banda, Luís González Tosar, despois de abrir o acto destacando a retirada simbólica da máscara nas actividades escolares ao aire libre parafraseou a Luis Pimentel: “A poesía non hai que definila, é o gran milagre do mundo”. O presidente da Fundación Insua dos Poetas e do Pen Galicia celebrou a presencia dos escolares -“a Insua dos Poetas é patrimonio voso”- e, ante “a barbarie da guerra”, lembrou aos rapaces a importancia da cultura: “Vos tedes a palabra, o artefacto máis potente do mundo”. 

Durante o acto, cooganizado pola Deputación de Ourense, Fundación Insua dos Poetas, Centro Pen Galicia, Xunta de Galicia e o Concello do Carballiño, un grupo de escolares recitou poemas de Florencio Delgado Gurriarán, figura homenaxeada do Día das Letras Galegas 2022. A poeta Mirian Sandoval presentou “Cantares Transhumantes”, un espectáculo de poesía, música e danza nun Día Internacional da Poesía que rematou na Insua dos Poetas coa plantación dun ombú, árbore simbólica da Pampa, en homenaxe ás Letras Arxentinas, reivindicando o peso específico desta cultura na tradición iberoamericana.