O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou hoxe, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, a Biblioteca Municipal de Ribadavia, que foi obxecto dunha reforma para a que o Executivo autonómico achegou, mediante convenio co Concello, unha partida de 56.000 euros “dando conta da nosa implicación coa mellora das dotacións culturais locais en toda Galicia”, afirmou o representante do Goberno galego.
Así, o responsable autonómico de Cultura, que estivo acompañado pola xefa territorial de Cultura, Sandra Quintas, e arroupado polo parlamentario por Ourense Juan Manuel Casares, apuntou que esta intervención realizouse no marco “do noso compromiso coa modernización das infraestruturas a todos os niveis, para que a actividade cultural estea ao alcance de todos en calquera punto da Comunidade e nas mellores condicións”. Deste xeito, López Campos animou á veciñanza a “gozar das novas posibilidades que se abren na biblioteca coa renovación das instalacións”. O alcalde, César Fernández, agradeceu ao conselleiro a súa visita e “o compromiso que tes con Ribadavia e coas necesidades que dende o Concello trasladamos á Consellería”, citando coma exemplo a renovación do Museo Sefardí, de xeito que este departamento xa investíu neste mandato máis de 100.000 euros en infraestructuras culturais.
Con esta actuación no espazo que ocupa a Biblioteca Municipal de Ribadavia no edificio da Casa da Cultura da localidade, procúrase poder xestionar de maneira máis efectiva todas as accións que se organizan desde este servizo contando cun lugar axeitado para expor a súa colección, unha área máis confortable para que as persoas usuarias realicen as súas actividades e para que mesmo o persoal poida desenvolver as súas tarefas de maneira máis cómoda. Neste senso, a intervención incidiu en materiais de equipamento e mobiliario en zonas como a de lectura ou a infantil e noutros traballos que tiveron que ver co pavimento ou as portas.
Durante a visita, López Campos aproveitou para lembrar que a Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia que destinará 550.000€ para axudar aos concellos a mellorar os fondos das súas bibliotecas e axencias de lectura. Trátase dunha convocatoria que impulsa a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude co obxectivo de colaborar na adquisición de novidades editoriais nestes centros, facilitando a compra de libros e mellorando as coleccións bibliográficas. Así, desígnanse 200.000€ para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico e 350.000€ para facerse con monografías, material sonoro, videogravacións, recursos electrónicos, partituras e material cartográfico. Como requisito para acadar calquera destas axudas, as entidades interesadas deberán formar parte da Rede de bibliotecas públicas de Galicia e poderán enviar as súas solicitudes entre o 22 de xaneiro e o 21 de febreiro.