Comunicado ás familias do conservatorio profesional-escola municipal de música do Carballiño

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Estimadas familias:

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Recibimos resposta da Valedora do Pobo de Galicia á nosa queixa formal (Expediente: D.3.Q/15341/24), confirmando o seguinte:

• Obrigación legal do Concello: Segundo o Decreto 171/2010, do 1 de outubro, sobre plans de autoprotección na Comunidade Autónoma de Galicia, o Conservatorio de Música do Carballiño, ao ser de titularidade municipal, está obrigado a dispoñer dun Plan de Autoprotección. A Valedora do Pobo reiterou que o Concello do Carballiño é o órgano competente e, polo tanto, responsable da elaboración, implantación, mantemento e revisión de dito plan.

• Requirimento ao Concello: Ante a falta de resposta do Concello á solicitude de información por parte da Valedora do Pobo, esta institución volveu requirir formalmente ao Concello a remisión da información sobre o Plan de Autoprotección, lembrándolle que se trata dunha obrigación legal.

Que significa isto?

A Valedora do Pobo recoñece a validez da nosa queixa e está a actuar para que o Concello cumpra coas súas obrigacións legais en materia de seguridade. A falta deste Plan de Autoprotección que inclúe o risco de Gas Radon implica que o centro non conta cos protocolos necesarios para actuar ante situacións de emerxencia ou sinistro, o cal nos xera unha grande inquietude pola seguridade dos nosos fillos e de toda a comunidade educativa.

Falta de transparencia do Concello:

Queremos denunciar publicamente a falta de transparencia e a inacción do Concello do Carballiño neste asunto. A pesar de ser un requirimento legal e da insistencia da Valedora do Pobo, o Concello segue sen proporcionar a información requirida. Esta actitude demostra unha falta de compromiso coa seguridade dos nosos fillos e unha falta de respecto cara á comunidade educativa.

Que imos facer dende a ANPA?

• Seguiremos en contacto coa Valedora do Pobo para facer seguimento do proceso e esixir o cumprimento da lei.

• Esixiremos ao Concello do Carballiño a máxima transparencia e a inmediata elaboración e implantación do Plan de Autoprotección co protocolo do Gas Radon.

• Manteremos informadas ás familias sobre calquera novidade neste asunto.

Consideramos fundamental que o Conservatorio conte cun Plan de Autoprotección que garanta a seguridade de todos. Non ceixaremos no noso empeño ata que esta situación se resolva.

Agradecemos o voso apoio e colaboración.

Atentamente,

A ANPA do Conservatorio Profesional-Escola Municipal de Música do Carballiño