A Banda da Loba presentará en febreiro no Carballiño o seu último disco, “Lovismo”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

A Banda da Loba presentará no Carballiño a finais de febreiro o seu quinto e último traballo, “Lovismo”, na que que será o seu primeiro concerto desta xira na provincia de Ourense. O concerto terá lugar no Auditorio Manuel María o 22 de febreiro, ás 20,00 horas, e o prezo da entrada será de 10 euros. Esta actuación foi presentada hoxe na Casa do Concello por Diego Fernández, edil de Cultura, e Andrea Porto, unha das cinco mulleres integrantes da banda. Diego Fernández subliñou que “este era un concerto moi esperado e coincide coa véspera do Día de Rosalía de Castro, dun grupo que canta en galego e aposta pola defensa da lingua e da cultura galegas”.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Pola súa banda, Andrea Porto comentou que o novo disco “xira en torno a temática do amor das amigas, das parellas, das fillas e do amor a unha mesma, cunha visión dende o feminismo e a sororidade, e tamén o desexo e o pracer”, de aí o seu título, “Lovismo”. Entre os temas de “Lovismo”, Andrea Porto destacou o baseado nun poema de Rosalía de Castro, e que fala “dun pelouro que xira e que converte a Rosalía nunha precursora dos Rolling Stones a nivel musical”. A Banda da Loba estivo sen ofrecer concertos durante o ano pasado, para levar a cabo todo o proceso creativo do seu novo traballo.

A Banda da Loba irrompeu na escena musical galega con “Bailando as rúas” (2017), co que acadaron un grande éxito e deixaron claro que chegaban para quedarse, facéndose un oco grazas ao seu heteroxéneo estilo musical. Dous anos máis tarde, no 2019 presentarían “Fábrica de luz”, e, no 2021 estrearon “Hasme oír”, un EP dedicado a Xela Arias, sendo ambos os dous traballos finalistas nos Premios MIN na categoría de mellor disco en lingua galega. Alén diso, no 2021, ABDL gañou o Premio Martín Códax na categoría de pop e indie. O 2022 foi o ano de “Xabón Lagarta”, un traballo co que estiveron xirando ata finais do 2023. Este 2025 volven aos escenarios con “Lovismo”. 

Na actualidade, ABDL está integrada por Andrea Porto (baixo), Estela Rodríguez (violín), Marcela Porto (percusión), Xiana Lastra (voz) e Iria de Cabo (guitarra), que chega á formación substituíndo a Inés Mirás.