O vindeiro 25 de novembro, sábado, será a entrega da VI Edición do Premio Pedra Alta, que concede o Museo da Limia.

O actor, Sergio Pazos, fará a laudatio da premiada, Amalia Gómez Manso (Santana-Sandiás, 1927), fundadora do restaurante Novaíño.

O acto comezará coa lectura do manifesto sobre o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, a cargo da asociación de mulleres ‘Arracada’, de Vilar de Santos.

AVANTAR ACTIVIDADES

A continuación faráselle entrega dos carnés de amigos do Museo ás persoas que, dun xeito altruísta, colaboran todos os anos co Padroado do Museo da Limia nos actos de entrega do Premio Pedra Alta.   

Seguidamente comezará o acto propiamente dito de entrega do Premio Pedra Alta a dona Amalia Gómez Manso, fundadora do restaurante Novaíño.

[Na persoa de dona Amalia, o Museo da Limia quere renderlle unha homenaxe a todas as mulleres, que tanto contribuíron ao desenvolvemento da nosa comarca.

Hai arredor de 70 anos, a mediados dos anos sesenta do século pasado, dona Amalia Gómez Manso foi quen de transformar unha taberna de aldea, situada ao pé da N-525, en Novaíño (Piñeira de Arcos), nun dos restaurantes máis emblemáticos da comarca da Limia, que hoxe rexenta a terceira xeración familiar, representada nos seus netos Toño e Ana, acompañados pola súa nai Pepita, despois da xubilación do fillo, Antonio.

Cómpre salientar a aposta decidida e continuada pola cociña tradicional galega e polos produtos autóctonos, nun lugar de parada necesaria, de encontro e acollida, onde poderiamos contar cos dedos das mans os limiaos que non pasaron nalgunha ocasión polo restaurante O Novaíño, para xantar ou participar nalgún banquete familiar ou de amigos. Sería difícil atopar un camioneiro, un viaxeiro de paso que, tendo que circular pola N-525 ao seu paso pola Limia, non parase algunha vez no restaurante da nosa homenaxeada co Pedra Alta de 2023.

A reunión extraordinaria do Consello Asesor do Museo da Limia tivo como un dos puntos da orde do día a elección da entidade, asociación ou persoa física que considera merecedora da concesión do premio anual Pedra Alta na súa 6ª edición.]

O premio consiste nun diploma de recoñecemento e nunha réplica de do menhir atopado na Lagoa da Antela, coñecido como Pedra Alta, aportación altruísta do escultor limiao, Xosé Lois Carreira O acto de entrega das distincións, aberto a cantos queiran asistir, será na sede do Museo da Limia e no salón multiusos do concello de Vilar de Santos o vindeiro día 25 de novembro (sábado). A laudatio da premiada corresponderalle ao actor limiao, Sergio Pazos. O acompañamento musical, como nas edicións anteriores, estará a cargo de Luis Humberto Cao e Baldemoro Pavón. A celebración concluirá cun expléndido cocido de fraternidade limiá no restaurante Novaíño de Sandiás, que colabora como patrocinador dos premios.

PROGRAMA de actos do 25 de novembro de 2023, con motivo da entrega do Premio Pedra Alta de 2023 a Dona Amalia Gómez Manso.

11:15 horas, visita ao Museo da Limia.

12:00 horas, acto de entrega do premio no salón multiusos da casa do Concello.

1.- Saúdo do Alcalde de Vilar de Santos.

2.- Intervención do Presidente do Padroado.

3.- Lectura do Manifesto sobre o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

4.- Entrega de carnés de amigos/as do Museo.

5.- Actuación musical.

6.- Lectura da acta da concesión do Pedra Alta 2019.

7.- Laudatio da premiada, a cargo do actor Sergio Pazos.

8- Entrega do premio.

9.- Intervención da premiada, Amalia Gómez Manso.

14:30 horas, xantar-cocido «Pedra Alta» no restaurante Novaíño (Novaíño, estrada N-525, entre Sandiás e Piñeira).

BASES DO PREMIO PEDRA ALTA

1º.- O Premio Pedra Alta terá un único galardoado e a súa periodicidade será anual.

2º.- Poderán ser candidatos/as as persoas físicas, asociacións ou institucións vivas, cuxa obra, accións, creacións, achegas garden relacións estreitas ou vaian dirixidas ás Terras do Limia. Tamén poderán ser merecentes do Premio as persoas, asociacións ou institucións vivas moi identificadas co territorio aínda que a súa obra ou actividade se proxecte fóra do mesmo.

3º.- Cada membro do Consello Asesor poderá propor as candidaturas que considere oportunas.

4º.- Correspóndelle ao Consello Asesor debater as propostas recibidas e as que se formulen directamente, nunha xuntanza que deberá celebrarse en outubro e elevar á Xunta Directiva un ou varios candidatos.

5º.- Tamén serán consideradas as propostas que cheguen avaladas cando menos por cinco persoas ou por unha asociación ou institución das Terras do Limia.

6º.- Correspóndelle á Xunta Directiva resolver sobre a Proposta do Consello Asesor, concedendo ou deixando deserto o Premio Pedra Alta.

7º.- O Premio Pedra Alta entregarase no último sábado do mes de novembro e consistirá nunha copia en granito do menhir coñecido co mesmo nome, situado no corazón da Antela que, de xeito altruísta, elaborará o escultor e membro do Consello Asesor, Xosé Lois Carreira, e máis un diploma acreditativo que confeccionarán os tamén membros do citado órgano, Manolo Seoane e Lola Peláez.

8º.- No acto solemne de entrega haberá unha lección maxistral do/a premiado/a, precedida dunha laudatio por parte da persoa que este mesmo decida previamente.

Vilar de Santos, 13 de novembro de 2023.