O grupo show de primeira categoría do Club Aehde O Carballiño afronta esta fin de semana, en concreto o sábado, o Trofeo Ciudad de Alcoi-Copa de España, de grupo show na modalidade de grupos pequenos (ata 12 patinadoras). Será a segunda cita de ámbito estatal esta tempada logo de acadar a décima plaza no Campionato de España. Previamente, foran terceiros no Campionato Galego e segundos na Copa Galega. O equipo carballiñés compite co seu programa ‘Asasinato no Orient Express’.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
As carballiñesas poñerán en escena sobre o parqué do pavillón Francisco Laporta da cidade alacantina o seu programa e competirán con catro formacións cataláns, outras tantas galegas e tamén con representantes das comunidades de Madrid, Cantabria, Asturias, Castela León, A Mancha, Navarra e Illas Baleares, que suman un total de 23 equipos.
O Club Aehde quere vivir a experiencia nun ano tan especial e espera dar un paso máis á fronte para consolidarse pouco a pouco tamén a nivel estatal logo de facerse un sitio no mapa galego da patinaxe artística, especialmente na disciplina de grupos show.

















