Cine Club Carballiño pecha a súa programación habitual dos venres de xaneiro coa película española “Rita”, debut tra-la cámara como directora da actriz Paz Vega, unha das grandes sorpresas do cine español desta tempada. Sevilla, xuño de 1984. Rita e Lolo son dous irmáns de 7 e 5 anos que viven no seo dunha sinxela familia obreira. Comezan as vacacións de verán e o país enteiro está revolucionado pola Eurocopa de fútbol, na que España pasou aos cuartos de final. A calor aperta e Rita soña con ir á praia, pero a vida no barrio tenlle reservadas varias sorpresas.
Paz Vega debuta na dirección cunha luminosa película e a entenrecedora ollada dunha cría de sete anos; rodada cun exquisito gusto pola luz, o encadre e o punto de vista. O filme obtivo a Mención especial no Festival de Mar de Platae está nominada nos premios Goya como mellor dirección novel para Paz Vega, que é ademais autora do guión. Os pases serán, o vindeiro venres, día 31, no Auditorio Manuel María do Carballiño ás 20,00 e ás 22,30 horas.
E xa o domingo, día 2, e dentro do ciclo ‘Filmoteca’, Cine Club ofrece a comedia arxentina, “Puan”, protagonizada polos coñecidos actores Leonardo Sbaraglia e Marcelo Subiotto. A película está nominada ao Goya a mellor película Iberoamericana, Marcelo Subiotto gañou o premio a mellor actor no Festival de San Sebastián, onde a película tamén gañou o premio a Mellor Guión. Haberá un único pase no Auditorio Manuel María ás 19,00 horas.