Un Arenteiro cunha plantilla reducida caeu derrotado no campo do Amorebieta (3-0)

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O equipo pechacancelas do grupo 1º da Primera Federación, a Sociedade Deportiva Amorebieta, foi quen de derrotar onte no seu campo de Nuevo Urritxe ao Club Deportivo Arenteiro cun contundente 3-0. Os verdes desprazaronse ata Euskadi cunha plantilla de tan só 15 xogadores, reducida debido ás lesións e ás baixas rexistradas por traspasos neste mercado de inverno. O Arenteiro dispuxo, no minuto 20, dun disparo de Pascu que detivo o meta Unai Marino, tras unha cesión de Ferreiro despois dun pase de Baselga.

Os de Amorebieta contraatacaron cun tiro cruzado de Pablo Hervías no minuto 38 que saíu fóra, unha entrada pola esquerda que repetíu dous minutos despois para centrar a Kaxe, que puxo o 1-0 no marcador. Xa na segunda metade, un disparo de Ben Hamed rozaba o poste no minuto 60, e Hervías voltaba a centrar para que Selma cabeceara ao fondo da rede, sen que o debutante verde Adri López puidese atallala. Era o 2-0 no 62’, e cinco minutos máis tarde, Selma facía o terceiro e definitivo 3-0 tras un pase de cabeza de Kaxe tras un saque de falta de Hervías.

O adestrador do Arenteiro, Raúl Jardiel, recoñeceu na rolda de prensa posterior ao encontro que “os goles chegaron cando comezamos a facer a cousas un pouco pior, hai que ser autocríticos e ver que non nos podemos saír do guión”. O equipo verde ocupa agora a 6ª praza da táboa clasificatoria, con 32 puntos e un partido menos, o pendente co Barakaldo C.F., que finalmente xogarase o vindeiro 19 de febreiro, mércores, ás 17,00 horas, no campo de Espiñedo.

Pero a seguinte cita do Arenteiro, na xornada 23ª da liga, será o vindeiro domingo, día 9, ás 15,30 horas, no estadio de Lezama e fronte ao Bilbao Athletic, no posto 13º da clasificación, con 28 puntos, tras derrotar na casa ao Zamora por 0-2.