Espazo Común acusa ao goberno municipal do Carballiño de esconder as contas e a xestión do Asilo

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O grupo municipal de Espazo Común vén de criticar nun comunicado de prensa que o equipo de goberno do Concello do Carballiño, integrado por PSOE e PP, rexeitase nas sesión plenaria do xoves pasado a súa proposta “dirixida a dar transparencia á xestión do Asilo dos Irmáns Prieto e á súa situación económica e patrimonial”, e, ao respecto, apuntan que “ao bipartito PPSOE do Carballiño xa non lle queda nin un ápice de decencia política nin de respecto polos cidadáns aos que dín representar e dos que se rín a diario”.

“O alcalde Fumega, na súa liña de mentir e enganar a todo o mundo, leva cinco anos aprobando mocións e xurando en rogos e preguntas, pleno tras pleno, que xa na seguinte semana ou no seguinte mes vai entregar a documentación solicitada ao Padroado que dirixe a Fundación e do que él mesmo é un dos tres membros”, lembran dende Espazo Común. Subliñan que “sen embargo, o outro día, amparado na súa interesada sociedade co Partido Popular, votou en contra da mesma moción que aprobara hai tres anos”, e engaden que “aínda máis baixo caeu o propio PP quen hai tres ano pedía noutra moción a mesma transparencia que agora negou co seu voto”.

Dende esta formación política da oposición aseguran que “Fumega, Pepe Castro e tódolos seus adláteres ben pagados cos cartos públicos serán lembrados polo Carballiño como os culpables do desmantelamento dunha institución histórica que se vai alonxando de onde sempre estivo dende a súa creación polos Irmáns Prieto hai máis de 100 anos, a alma dos veciños deste pobo”. E conclúen que “dende Espazo Común non nos imos render á postura destes inimigos do Carballiño e amigos doutros intereses e imos seguir loitando para que o Asilo non deixe de ser o que sempre foi”.