
O presidente provincial, Luis Menor, visitou hoxe o municipio de Leiro en compañía de membros da Corporación liderados polo alcalde, Francisco José Fernández, coa fin de visitar diferentes obras e actuacións realizadas grazas ao Plan de Cooperación posto en marcha pola Deputación. De feito, tal e como sinalou Menor, o Concello de Leiro percibirá máis de 700.000 euros durante este mandato provincial a través do Plan CooperOU que, complementados con outras axudas, “terá obras por máis dun millón de euros”.
As obras contempladas no Plan de CooperOU son fundamentalmente de humanización e mellora dos servizos municipais, complementadas co plan global que está a desenvolver o Concello de Leiro e polo cal Menor felicitou ao rexedor. De feito, o presidente provincial visitou a obra que consistiu na pavimentación e humanización do tramo final da rúa Casanova (48.000 euros, así como a que supuxo a pavimentación do acceso ao tanatorio (30.000 euros), ambas realizadas grazas aos fondos do Plan de Cooperación.
A visita de hoxe tamén contemplou unha visita a unhas obras de mellora que está a realizar a Deputación, por valor de 120.000 euros, nunha das estradas de competencia provincial: a OU-0306 que conecta Leiro con San Cristovo, tal e como explicou o presidente provincial, “na que se vai continuar con novas fases para mellorar a súa conectividade”. Precisamente, neste aspecto abundou o alcalde, quen recalcou que o arranxo desta vía está a ser “fundamental” para mellorar a conexión do municipio de Leiro con Avión, Beariz e O Carballiño.