As Escolas Deportivas de Maside entregaron a Aspadisi a doazón do seu ‘Torneo Solidario’ de Nadal

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

As instalacións do colexio público de Maside acolleron esta mañá a entrega do cheque á asociación Aspadisi do diñeiro recadado, un total de 600 euros, no ‘Torneo Solidario de Nadal’ que cada ano organizan as Escolas Deportivas Terras de Maside. No acto participaron o presidente desta agrupación deportiva, Juan Romero, e representantes do colectivo de discapacitados intelectuais radicado no Carballiño, que recolleron das súas mans un talón nominativo simbólico e un sobre coa recadación obtida nesta competición de fútbol navideña.

A sexta edición do ‘Torneo Solidario de Nadal’ celebrouse o pasado 22 de decembro, unha xornada dominical que tivo lugar no campo municipal de Outeiro Grande de Maside, e que contou coa participación dos equipos de Club Deportivo Cea, Ribadavia Atlético e Escola de Fútbol de Lalín, ademais dos pertencentes á agrupación organizadora. O obxectivo desta iniciativa, según nos comentaba Juan Romero, director de Terras de Maside, é que os conxuntos que disputan o torneo aporten alimentos non perecedoiros que logo serán entregdos a Cáritas Parroquial do Carballiño, “e tamén xoguetes para as nenas e nenos do municipio e que donamos ao Concello para que os distribúa, porque o noso lema é ‘Ningún neno de Maside sen xoguetes’”.

En cada edición, os organizadores tamén venden rifas entre os asistentes á cita deportiva para o sorteo de produtos dos patrocinadores do equipo local, de xeito que a recadación por estas vendas está destinada como doazón solidaria a Aspadisi, asociación que dispón dun taller ocupacional e un fogar residencial na vila do Arenteiro, e que integra a persoas discapacitadas das comarcas carballiñesa e do Ribeiro. A agrupación deportiva ‘Terras de Maside’ conta cun total de 150 rapazas e rapaces na súas escolas de fútbol, que pola súa traxectoria lle fixeron ser acredora o pasado ano do ‘Galardón Arenteira’ na modalidade deportiva, na 13ª edición destes premios que otorga o Aparthotel Arenteiro do Grupo Cer&Ber.