O delegado territorial da Xunta visitou unha farmacia sentinela no concello de Celanova

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

manuel pardo destaca que a provincia de ourense conta con 10 farmacias sentinela para anticipar a evolución da gripe a partir da venda de test de antíxenos e medicamentos

  • Manuel Pardo explica que as 10 farmacias da provincia ourensá incluídas no programa piloto “Rede de Farmacias Sentinela de Galicia”, están a achegar semanalmente á Consellería de Sanidade datos sobre a venda de test de antíxenos e dos cinco medicamentos antigripais máis consumidos
  • O delegado territorial lembra que no Plan sanitario galego de inverno 2024-2025 se introduciron como novidades a rede de farmacias sentinela e un modelo matemático que serven para predicir as necesidades asistenciais derivadas de infeccións respiratorias agudas.
  • Os rexistros das farmacias, combinados cos datos de asistencia sanitaria en atención primaria e nas urxencias hospitalarias permiten, a través dun modelo matemático, anticipar con 15 días a evolución da gripe e as infeccións respiratorias agudas
  • O representante do Goberno galego pon en valor o feito de contar coas farmacias como aliadas estratéxicas do plan sanitario de inverno para  anticipar o impacto da gripe e dotar os recursos asistenciais necesarios

Ourense, 05 de xaneiro de 2025.- O delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello de Celanova para visitar a farmacia Almudena Carro, que forma parte do programa piloto “Rede de Farmacias Sentinela de Galicia”, para anticipar a evolución da gripe a partir da venda de test de antíxenos e medicamentos.

O delegado territorial detallou que as 10 farmacias da provincia ourensá incluídas nesta rede están a achegar semanalmente á Consellería de Sanidade datos sobre a venda de test de antíxenos e dos cinco medicamentos antigripais máis consumidos, o que é de gran valor para mellorar o control da enfermidade, integrando información adicional que axuda a dar unha resposta máis áxil e eficaz.

Manuel Pardo lembrou que no Plan sanitario galego de inverno 2024-2025 se introduciron como novidades unha rede de farmacias sentinela e un modelo matemático que serven para predicir as necesidades asistenciais derivadas de infeccións respiratorias agudas.

O representante do Goberno galego subliñou que Galicia foi pioneira na posta en marcha deste plan para afrontar coas máximas garantías a tempada de gripe e de infeccións respiratorias, a través da prevención, a vixilancia epidemiolóxica, a planificación dos recursos asistenciais e o seguimento e monitorización continua.

Tamén explicou que os rexistros das farmacias, combinados cos datos de asistencia sanitaria en atención primaria e nas urxencias hospitalarias, permiten, a través dun modelo matemático, anticipar con 15 días a evolución da gripe e as infeccións respiratorias agudas.

Con este plan, as sete áreas sanitarias contan con recomendacións homoxéneas de medidas que se deben adoptar, tanto transversais como específicas, en función do escenario en que se atopen segundo a presión de urxencias e a ocupación da hospitalización.

Manuel Pardo concluíu poñendo en  valor o feito de contar coas farmacias como aliadas estratéxicas do plan sanitario de inverno para anticipar o impacto da gripe e dotar os recursos asistenciais necesarios.