A dirección provincial do PSdeG-PSOE de Ourense solidarízase coa militancia socialista do Carballiño polo ataque á súa sede

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O PSdeG-PSOE Provincial de Ourense amosou a súa solidariedade coa militancia socialista do Carballiño polo ataque vandálico sofrido pola súa sede da vila do Arenteiro. O secretario provincial do PSdeG-PSOE, Rafael Rodríguez Villarino, expresou na páxina de Facebook da Agrupación Local do Carballiño que “compartimos a indignación das compañeiras e compañeiros de O Carballiño, e admiramos os azos con que afrontan un dano intencionado, medrando seu compromiso coas siglas socialistas e coa veciñanza á que representan”.

COMERCIAL ORCELLÓN

O responsable provincial dos socialistas, en referencia á publicación dos feitos na devandita páxina, apuntou que “a pedra de forma cilíndrica, que figura nunha das imaxes da nova, parece ser o obxecto empregado para rachar o cristal da fachada do local, denotando un acto vandálico premeditado, pois este obxecto non pertence á contorna dos feitos”.

Rodríguez Villarino lembrou, asemade, que “nas últimas datas, a sede provincial do PSdeG-PSOE de Ourense tamén recibiu varios ataques, e hoxe no Carballiño como antes na cidade de Ourense, destacamos o papel de apoio á sociedade, e nomeadamente ás persoas máis vulnerables, que se desenvolve en todas as casas do pobo de Ourense”.

A rachadura dos cristais do escaparate da sede da Agrupación Local do PSdeG-PSOE do Carballiño, ubicada na rúa Perfectino Viéitez, foi detectada ao meidodía de onte, sábado, e suscitou a tanto indignación como mágoa por parte da militancia. A dirección local dos socialistas puxo os feitos en coñecemento da Policía Local, a fin de poder identificar ao autor ou autores deste acto vandálico.

Dende a organización política manifestouse que “non nos imos ver amedrentados por este acto, senón todo o contrario, cada agresión fai reafirmarnos de que imos no camiño correcto e que os violentos non teñen cabida nesta sociedade”. Os socialistas carballiñeses tamén fan “un chamamento á reflexión a aquelas forzas políticas que teñen na confrontación e na mentira o seu facer diario dándolles azos aos violentos”.

Ata o de agora, ningunha das formacións políticas con representación na Corporación Municipal do Carballiño expresou a súa repulsa contra esta acción delictiva e tampouco a súa solidariedade coa agrupación socialista local.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------