Os primeiros pasos do Concello do Carballiño para a construcción do futuro complexo deportivo na Uceira serán dados pola Corporación Municipal ao abordar mañá en sesión plenaria o expediente de recalificación urbanística dun terreo de titularidade municipal, que pasará de ser solo verde a dotacional deportivo. O Concello carballiñés precisa doutro terreo, que é propiedade da Deputación de Ourense, para completar os 17.000 metros cadrados de superficie necesarios para acometer o proxecto, que suporía un investimento aproximado de 10 millóns de euros e que se levaría a cabo en varias fases.
No mesmo pleno da Corporación, que comezará as 9,30 horas de mañá xoves e que será retransmitido en streaming por Badal Novas, tamén se debatirán outros dous expedientes relativos á modificación das ordenanzas reguladora das taxas do Conservatorio e da Escola de Música e da prestación do servizo de abastecemento de auga potable, saneamento e depuración.
Na orde do día da sesión figuran dúas mocións do grupo municipal de Espazo Común, unha para a legalización de traídas de augas e outra solicitando transparencia no concurso de adxudicación do Servizo de Axuda no Fogar. Asemade, o BNG presenta unha proposta de apoio á celebración do Ano de Castelao. Finalmente, estudiarase a inclusión na orde do día a modificación da mesa de contratación da xestión do ciclo da auga e da respostas aos escritos remitidos por Espazo Común e BNG.