Case que 8 de cada 10 establecementos hostaleiros da provincia de Ourense recibiron axudas directas nos dous primeiros plans de rescate da Xunta por valor de máis 11 millóns de euros

  • O 1º e o 2º plans de rescate promovidos pola Xunta inxectaron á hostalaría da provincia un total de 11 millóns de euros, co que se deu cobertura ao 80% do sector
  • En toda Galicia, as axudas da Xunta destinadas a bares, cafeterías e restauración achegáronse aos 87 millóns de euros, case a metade dos 182 millóns de fondos propios que o Goberno galego puxo a dispor de autónomos, microempresas e actividades afectadas polos peches sanitarios durante a pandemia
  • O Consello da Xunta xa aprobou o 3º rescate cos 234 millóns procedentes do Estado que espera activar nos próximos días con axudas que van dos 3.000 aos 30.000 euros
  • A Administración galega decidiu destinar o 85% dos cartos do 3º plan a autónomos e pequenas empresas por supor o 97% do tecido produtivo galego

Case o 80% dos establecementos de hostalaría da provincia de Ourense, oito de cada dez, recibiron 4.449 axudas directas no 1º e no 2º plans de rescate, ás que a Xunta destinou máis de11 millóns de euros co obxecto de aportar liquidez a un dos sectores máis afectados pola pandemia e polas medidas sanitarias.

En toda Galicia outorgáronse máis de 37.000 axudas directas en ambos os dous plans de rescate, co que chegaron case a nove de cada dez bares, restaurantes, cafeterías e outros establecementos de alimentación e bebidas radicados na Comunidade. Todos estes apoios supuxeron ata o de agora un desembolso de 86,6 millóns de euros das arcas autonómicas.

AVANTAR ACTIVIDADES

Na capital e cabeceiras de comarca; a cidade de Ourense  (con 1.930 axudas por valor 5.1M€), O Carballiño (401 axudas por un importe 991.225 €), Verín (285 abonadas por importe de 665.450 €), Xinzo de Limia (240 axudas por valor de 520.825 €), Barbadás (145 axudas por valor de 360.570 €), O Barco de Valdeorras (145 axudas por valor de 189.900 €), Ribadavia (120 axudas por un importe de 248.450 €), Allariz (76 axudas por un importe de 201.445 €), ou Celanova (64 axudas por un total de 158.900 €) superaron en conxunto os 11M de euros en axudas.

Cos dous primeiros plans de rescate a Xunta mobilizou un total de 182 millóns de euros co obxecto de aportar liquidez a estes negocios e contribuír á permanencia do emprego e da viabilidade. Máis da metade dese diñeiro foi parar ao sector hostaleiro.

3º Plan aprobado

O Consello do Goberno galego, pola súa banda, vén de aprobar o 3º plan que, no seu caso, nutrirase de fondos do Estado dos que 234,4 millóns de euros corresponderán á Comunidade, apenas o 3,3% dos 7.000 millóns que se repartiron en toda España.

Dentro da escasa marxe de manobra que o Goberno central deixa ás comunidades, Galicia priorizará que as axudas cheguen ás persoas traballadoras autónomas e microempresas que supoñen o 97% do tecido produtivo galego. Para elas resérvanse 200 dos 234 millóns de orzamento, o 85% do plan.

En consenso do Diálogo Social e coa Mesa do Emprego Autónomo, a Xunta vén de deseñar un 3º plan que prevé axudas de entre 3.000 e 30.000 euros para persoas traballadoras autónomas, microempresas, pemes e empresas, establecidas en función da baixada de facturación padecida a causa da Covid e o número de persoas empregadas ao cargo.

Outra das aportacións de Galicia ao plan consistiu estender as axudas a todas as actividades económicas, e non só ás 95 apuntadas polo Real Decreto do Estado, sempre e cando poidan acreditar unha caída de ingresos dun 40% ou máis.

Co obxectivo de garantir a maior axilidade posible, o Goberno galego aplicará o mesmo criterio que no primeiro e segundo plans de rescate e concederá o anticipo do 100% dos importes coa mera presentación dunha declaración responsable.

Coa convocatoria do 3º plan, a Xunta terá destinado cerca de 560 millóns en axudas directas en seis meses aos sectores máis prexudicados pola pandemia: 416 millóns dos tres plans de rescate e a contía restante correspondente a diferentes departamentos da Xunta que veñen de apoiar a axencias de viaxes, ocio nocturno, orquestras ou ao sector das artes escénicas e musicais, entre outros sectores.