«Imaxinaria»: animación para axitar conciencias co director Coke Riobóo |
O director madrileño Coke Riobóo deu onte unha charla para o público de «Imaxinaria» na que fixo un percorrido pola súa carreira, desde o seu salto desde a música á animación de xeito autodidacta, ata os seus traballos publicitarios e, sobre todo, as súas curtametraxes, cunha forte carga de crítica social e política. «A animación tamén está para sacudir conciencias», dixo. Riobóo, quen forma parte este ano do xurado do festival, falou dos tres filmes que despois se puideron ver na súa retrospectiva: Made in Spain, El ruido del mundo e El viaje de Saíd. Este último, sobre un rapaz marroquí que cruza o Estreito e baseado nunha historia próxima a el, gañou un Goya en 2007 e aínda se proxecta «en escolas e institutos para falar de inmigración e racismo». Riobóo tamén é profesor e colabora coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) impartindo obradoiros de animación en África, Latinoamérica e Asia. «Imaxinaria» entregaralle mañá domingo o galardón «Activismo na Animación» polo seu labor educativo e o seu compromiso social. Onte tamén se proxectaron no certame outras 7 curtas a concurso chegadas de Corea do Sur, Chile, Estados Unidos, España e Francia. |