Ribeiro en Común urxe a mellora da seguridade vial no Eixo do Ribeiro ao seu paso por San Cristovo

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Ribeiro en Común (REC) volve reivindicar que se adopten medidas para que as estradas do municipio de Ribadavia sexan seguras para vehículos e peóns, neste caso concreto, a travesía da localidade de San Cristovo de Regodeigón, onde se inicia o coñecido como Eixo do Ribeiro (OU-504), que comunica Ribadavia coa provincia de Lugo ao traverso do Carballiño e San Cristovo de Cea. Dende esta formación política lembran que “o Concello, no pasado mandato, co goberno de coalición, logrou un investimento moi importante, que permitiu o arranxo das beirarrúas de San Cristovo, grazas ao apoio da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS).

Dende Ribeiro en Común subliñan que, “daquela, cando se estaba executando esta obra, desde o PP, na oposición, coa intención de menoscabar unha obra tan importante, reclamada durante décadas, afirmou  en 2022 que a Xunta ía arranxar a calzada de maneira inminente”. E engaden que “volveu dicilo en campaña electoral, en 2023, case hai dous anos. Agora sabemos que era mentira, como tantas outras cousas”.

Para REC, “a situación actual desta estrada é absolutamente inaceptable, sen que o goberno municipal teña realizado ningunha xestión frutífera para resolvelo”, e apuntan que no ano 2019 “xa reclamabamos que a Xunta realizara obras para reforzar a seguridade vial na OU-504 ao seu paso da parroquia de San Cristovo de Regodeigón. Daquela pediamos medidas de prevención como badéns, pasos de peóns ou unha mellor sinalización vial”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Xa nos anos 2021, 2022 e 2023 seguiron reclamando desde o goberno local a necesidade de que a Xunta realice melloras urxentes de seguridade vial nesta estrada ao seu paso pola localidade de San Cristovo, xa que “é un tramo de moita afluencia e  tránsito, polo que esta obra debería ser unha prioridade urxente para a Xunta e o Concello”. Consideran que “non é comprensible que o Concello estea priorizar outras vías e camiños, incluso no propio pobo de San Cristovo, antes que nesta arteria fundamental, tanto para o núcleo de San Cristovo como para o municipio”.

Por todo elo, dende Ribeiro en Común voltan reclamar, “que se acometa esta obra con urxencia a mellora desta vía, e que se instalen medidas de prevención tales como badéns que reduzan a velocidade do tráfico ó seu paso polo núcleo de San Cristovo, así como pasos de peóns e unha mellor sinalización vial, tanto horizontal como vertical”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------