O PSOE de Leiro denuncia o “cinismo” do PP en relación coa xestión do hotel do mosteiro de San Clodio

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O PSdeG-PSOE de Leiro denuncia o “lamentable” cinismo do que fixo gala nas súas intervencións o representante do Partido Popular no Parlamento de Galicia, en relación coa xestión do mosteiro hotel de San Clodio. As e os socialistas amosan a súa “total” repulsa ao que consideran un “desprezo” por parte do PP cara á veciñanza de Leiro e da comarca do Ribeiro. As e os socialistas consideran que “este é o vivo exemplo de que cando goberna o PP considera que o diñeiro público de todos e todas pode ser xestionado ao libre albedrío e sen que ninguén teña dereito a fiscalizalo”.

Os concelleiros do PSdeG-PSOE en Leiro, Manuel Rodríguez Vázquez e Pedro José González, pregúntanse “como pode afirmar o PP dende un principio que a remodelación do mosteiro de San Clodio ía ser destinada a usos turísticos?”. Neste senso os edís socialistas apuntan a que “basta con revisar a hemeroteca para comprobar que a formulación inicial que se lle vendeu a veciñanza era a instalación dunha escola agraria con residencia e da que se derivou un alugueiro de terreos nos arredores do mosteiro por 7.000 euros ao ano, máis IVA e gastos de mantemento, o que lle supuxo ao concello nestes 24 anos un total de 214.124,78 euros máis IVA e gastos de limpeza”.

Rodríguez e González tamén se cuestionan “por qué a Xunta se negou de xeito sistemático a facilitar, en todos estes anos, as cláusulas que regulaban o contrato coa concesionaria”, xa que tal e como deixan entrever “quizais atoparíamos as obrigacións incumpridas da Xunta de Galicia de vixiar, controlar e facer cumprir o contrato coa concesionaria. Dende o PSOE de Leiro tamén critican a postura do PP cando afirman que a os 12 millóns de investimento na remodelación no mosteiro no seu conxunto e no spa do viño de San Clodio “é un motor económico dinamizador da zona e xerador de postos de traballo”. Algo que segundo as e os socialistas “é rotundamente falso e os datos matan o relato, pois a comarca e o concello non fixo outra cousa que perder habitantes dende o ano 2000”.

O PSOE de Leiro tamén denuncia a postura do rexedor do municipio, o popular Francisco José Fernández, ao que acusan de “ser a correa de transmisión do PP no concello de Leiro, intervindo na firma do contrato coa Xunta e a concesionaria”. Neste senso acúsano de “non antepor os intereses e o benestar da veciñanza por riba dos intereses clientelares dos amigos do Partido Popular, aínda que dentro do seu catálogo de mentiras e manipulación, sempre se esforzou en crer que era así”.