As veciñas e veciños do Carballiño maiores de 16 anos poderán inscribirse na aplicación do Concello para participar gratuitamente en sesións deportivas en piscina que se desenvolverán dous días á semana no balneario das Caldas de Partovia. “O Carballiño na auga” é unha iniciativa da Concellería de Deportes que conta coa colaboración da Deputación de Ourense ao traverso do Plan CooperOU, e que hoxe foi presentada polo responsable deste departamento municipal, José Castro-Gil, e a directora do centro termal, Eva Álvarez.
As actividades de pilates levaranse a cabo os luns, de 16,00 a 17,00 horas, e de ioga os mércores de 20,00 a 21,00 horas. “Tratamos de que participe o maior número de persoas posible, e por iso restrinximos as sesións a un máximo de 16 usuarios por cada unha e dúas sesións ao mes por persoa”, apuntou o edil de Deportes. Os inscritos nestas sesións deberán levar traxe de baño cómodo, gorro, chanclas e unha toalla.
Esta iniciativa vén a unirse ao programa que promove a Concellería de Deportes nas fines de semana no pavillón Paco Chao, con pilates os venres, de 18,00 a 19,00 horas, e ioga os sábados de 12,00 a 13,00 horas, ademais das andainas que saen os domingos as 11,00 horas dende a Praza Maior.