O expresidente Mariano Rajoy será o pregoeiro da Semana Santa do Carballiño, que aspira a ser declarada de interese turístico galego

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Esta Semana Santa do Carballiño será a máis densa da historia en canto ao número de actividades programadas pola Cofradía da Vera Cruz en colaboración coa parroquia de San Cibrao, o Concello e a Deputación Provincial. No programa que se presentou hoxe destaca a incorporación dunha nova imaxe da Nosa Señora da Esperanza, que se suma aos dous pasos da procesión do Xoves Santo, así como dous roteiros culturais polas igrexas da vila e da contorna. Estas novidades teñen como obxectivo seguir potenciando a Semana Santa carballiñesa coa expectativa de que a próxima edición conte xa coa declaración de Interese Turístico de Galicia, para o cal xa se realizaron todos os trámites pertinentes.

O salón de actos da Casa do Concello acolleu esta mañá o acto de presentación, que foi conducido pola periodista e presentadora do Telexornal da TVG Raquel Domínguez Carrete e que contou coa asistencia do alcalde, Francisco Fumega, do  cofrade maior, Rafael Melero, entre outros integrantes do colectivo, e o párroco Jorge Juan Pérez, anunciouse que o pregón correrá a cargo do expresidente do goberno español Mariano Rajoy, que pasou unha boa parte da súa infancia na vila carballiñesa, onde o seu pai exerceu de xuíz do partido xudicial do Carballiño dende mediados dos anos 50 ata ben entrados os anos 60 do pasado século.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Rafael Melero resaltou que “unha das características que definen a nosa Semana Santa é a súa autenticidade”, e citou o traballo dos costaleiros, as cantigas ao paso das procesións e o marco incomparable do templo da Veracruz. O cofrade maior da Vera Cruz anunciou a incorporación este ano dunha nova talla, á de Nosa Señora da Doce Esperanza, que acompañará a imaxe de Xesús da Sentenza e da Misericordia na procesión do Xoves Santo. Tamén se referíu á procesión do Cristo da Saúde, o Venres Santo, na que participará unha comitiva de máis de 350 persoas e que ten coma momento máis relevante o Santo Encontro da Virxe con Xesucristo.

O alcalde, Francisco Fumega quixo agradecer “o traballo contínuo da Cofradía nestes 18 anos conseguindo transformar a Semana Santa do Carballiño nunha das senlleiras da provincia e incluso de Galicia”. Neste sentido, o alcalde anunciou que “dende o Concello e a Cofradía estamos a rematar os trámites para solicitar da Xunta a súa declaración como celebración de interese turístico galego”.

Unha das citas máis destacadas do programa será a presenza do que fora presidente do Goberno de España entre 2011 e 2018, Mariano Rajoy Brey, encargado de dar lectura ao pregón inaugural, un acto que terá lugar o Domingo de Pasión, 6 de abril, ás 12,30 horas, no templo da Veracruz, e que terá o acompañamento musical da Coral de Ruada de Ourense.

Tres conferencias, dous roteiros guiados, unha exposición, un concerto de música e seis procesións e actos litúrxicos que contarán co acompañamento de sete bandas, tres corais e oito saeteiros e saeteiras conforman a programación elaborada pola Cofradía da Vera Cruz carballiñesa, que pode consultarse no enlace www.semanasantaocarballiño.es.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------