https://www.facebook.com/share/v/1Bc6vuJ9pu
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, puxo en valor hoxe o papel dos museos, a través das súas programacións, “na construción dunha sociedade e cultura moito máis diversas”. Fíxoo na inauguración no Museo Etnolóxico de Ribadavia da exposición “Somos un Ribeiro diverso”, resultado dun obradoiro con nenos e nenas da comarca, de entre 8 e 9 anos de idade, do colexio público de Ribadavia, que foi coordenado pola mediadora Aida Lojo, e que contou coa colaboración da ilustradora María Nóvoa.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude enxalzou a programación cultural que levan a cabo institucións culturais como o Museo Etnolóxico que “sabe achegar o legado que custodia á cidadanía, desde idades temperás, como reflicte este obradoiro, á vez que acaba incorporando a visión e perspectiva que ten a sociedade sobre o traballo e labor que realizan”.
Neste senso, Anxo M. Lorenzo asegurou que a programación dos museos está adaptándose “á perfección” ás liñas de actuación da recente Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, “unha normativa pioneira que entrou en vigor o pasado mes de xaneiro, pero que xa recolle froitos dunha estratexia na que xa levamos moito tempo traballando no Goberno galego”, celebrou.
Precisamente, a exposición “Somos un Ribeiro diverso” recompila o resultado dun obradoiro realizado con cativada da comarca aos que se lle asignou un papel de axentes culturais da contorna onde viven. Deste xeito, partindo do xogo e das conversas coa rapazada xurdiron cuestións vinculados á diversidade social e aos museos, que foron recollidos en imaxes pola ilustradora María Nóvoa, que integran a mostra, xunto co material aportado pola rapazada.