Ourense, 1 de abril de 2025. – Patricia Domínguez Barja presentou hoxe a súa precandidatura para optar a Secretaría Xeral do PSdeG-PSOE na provincia de Ourense. Da así un paso adiante meditado e compartido con moitos e moitas militantes socialistas co obxectivo de reforzar e relanzar o proxecto provincial socialista, achegándoo á cidadanía na busca de amplas maiorías, facendo un esforzo previo e máximo de integración.
Domínguez Barja é actualmente alcaldesa da Pobra de Trives, onde exerce o seu segundo mandato, agora con maioría absoluta. A súa traxectoria política e institucional compleméntase coa súa participación na Comisión Executiva Nacional do PSdeG, así como coa súa condición de vogal da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).
Avogada de profesión, Patricia Domínguez combina o seu compromiso coa política local coa defensa dos valores progresistas e o fortalecemento do municipalismo. A súa precandidatura busca representar unha alternativa de unidade, renovación e proximidade para o socialismo ourensán que permita elevar o nivel de apoio cidadán e achegue ao PSdeG ao goberno tanto da Deputación como da capital e mesmo da Xunta de Galicia, pois Ourense é provincia clave para elo.
“É o momento de abrir un novo tempo para o PSdeG na provincia, cun proxecto construído dende a base e o sentido común, respectando o que se leva feito ben e ao mesmo tempo corrixindo algúns erros do pasado; afastado dos intereses particulares ou mesmo grupais e focalizado nos principios e no interese común, coas portas sempre abertas á militancia e ao sentir maioritario da nosa organización”, sinalou.