A Denominación de Orixe Ribeiro vén de ser galardoada con sete medallas no concurso internacional de viños “Challenge International du Vin 2025”, un evento celebrado no Pazo de Congresos de Burdeos (Francia) durante o venres e o sábado da pasada semana. As seis medallas de ouro recaeron nos viños brancos Adega do Moucho 2021, Cunqueiro III Milenium 2023, Cuñas Davia A Xiada 2024, Juan Míguez Godello 2024, Maleiga Intre 2023 e Pazo Tizón blanco 2023, mentres a medalla de prata foi para Laudes 2023.
A presidenta do Consello Regulador da D.O. Ribeiro, Concha Iglesias, considera que o éxito acadado nesta cita internacional segue a amosar, ano tras ano, que os viños do Ribeiro captan gran atención entre os profesionais catadores. Ao respecto, subliñou que “é o terceiro ano consecutivo no que se logra este fito, ser a denominación de orixe galega máis premiada neste certame, e é algo polo que sentímonos orgullosos”.
A “Challenge du Vin” celebrou a súa 49ª edición, e é o concurso internacional de viños e augardentes máis antigo que se organiza en Francia. Este ano reuníu a 500 catadores de máis de 20 nacionalidades para analizar un total de 3.000 mostras. A competición organízase a xeito de ‘cata a cegas’, coa particularidade de que cada xurado de catadores está composto por catro membros: un técnico, un produtor, un distribuidor e un consumidor experto. Así, os viños premiados son a expresión do gusto do consumidor.