Traslado do Cruceiro do Torrón

O CONCELLO TRAMITA ANTE PATRIMONIO O TRASLADO DO CRUCEIRO DO TORRÓN, QUE ESTÁ EN PERIGO DE DERRUBE POLO DANO SUFRIDO TRAS O TEMPORAL DE FINAIS DE DECEMBRO

O forte temporal acaecido o 21 de decembro pasado, e que provocou a caída dun piñeiro de grandes dimensións sobre a estrada entre O Carballiño e Ribadavia, á altura do Torrón, non só deixou cortado este vial unha boa parte da noite, senón que afectou á base do cruceiro que se atopa na beira do monte onde tivo lugar o incidente.

AVANTAR ACTIVIDADES

Ante o perigo de derrube do cruceiro, a Concellería de Medio Rural, que dirixe Rosa Fuentes, leva realizando hai tempo os trámites pertinentes ante Patrimonio para proceder ao seu traslado a outra ubicación.  Entre estes trámites figura un informe documentado que lle foi encargado pola concelleira ao historiador e presidente do Centro de Estudios Chamoso Lamas, Xosé Luis Sobrado, e que acaba de rematar.

Polo tanto, agárdase que en breve se consiga a autorización para trasladar o cruceiro de lugar sen que sufra ningún dano e contribuir así á súa preservación. Estúdanse varias ubicacións posibles, e para isto mantéñense conversas cos veciños.

Dase a circunstancia de que este cruceiro xa fora trasladado nos anos 90 do seu emprazamento orixinal a raíz da construcción do Eixo do Ribeiro, e, de feito, dende aquela ubícase nun monte que é propiedade privada.