A Corporación Municipal de Ribadavia aprobou por unanimidade na sesión plenaria da semana pasada, por iniciativa do grupo de Ribeiro en Común, instar á Xunta de Galicia para acometer o proxecto de mellora da estrada autonómica OU-504 (Eixo do Ribeiro) ao seu paso pola localidade de San Cristovo de Regodeigón.
Ribeiro en Común fixo esta proposta tra-lo importante investimento do pasado mandato logrado polo Concello, que permitiu o arranxo integral das beirarrúas desta travesía grazas ao finanzamento da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS). E lembran que cúmprense máis de dous anos desde que a Xunta se comprometera a realizar obras neste tramo do Eixo do Ribeiro.
Deste xeito, o grupo de Ribeiro en Común pon de manifesto a necesidade da toma de medidas por parte da Xunta para a mellora da seguridade vial na estrada OU-504 ao seu paso pola localidade de San Cristovo, e que ademais comunica Ribadavia co seu Polígono Industrial, así como coas localidades do Carballiño e San Cristovo de Cea e a autovía AG-53 (Ourense-Santiago).
Consdieran que a situación actual desta vía, hoxe, en 2025, é inadmisible. Ao seu paso polo núcleo de poboación de Regodeigón é un tramo de moita afluencia e transito, polo que esta obra debería ser unha prioridade urxente para a Xunta e o Concello. E engaden que, ademais do arranxo da calzada, faise imprescindible a instalación de medidas de seguridade para ralentizar a velocidade desta estrada que une Ribadavia co seu polígono, xa que esta é a principal reivindicación dos veciños de San Cristovo de Regodeigón.