En torno ás 10:15 horas desta mañá tivo lugar unha colisión entre un vehículo e un camión no concello de Ribadavia, que se saldou cun falecido. O sinistro ocorreu na estrada OU-504, no quilómetro 3, á altura do polígono de San Cristobo.
Un home de 72 anos de Arnoia que conducía o seu vehículo invadiu o carril contrario e colisionou cun camión. O home faleceu a causa da colisión.
No suceso interviron a Policía Local de Ribadavia, o Grupo de Emexencias Supramunicipal de Ribadavia, a Garda Civil de Leiro, a ambulancia, os bombeiros do parque do Carballiño-Ribeiro, o servizo de urxencias sanitarias e tamén o helicóptero medicalizado (061). Tamén estiveron nesta actuación o equipo de mantemento de estradas e o servizo xudicial que se fixo cargo da persoa falecida.