BNG denuncia no parlamento o “fracaso institucional” da Xunta na xestión da crise sanitaria animal pola EHE

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Ourense, 4 de abril de 2025. A deputada do BNG, Sonia Vidal, denunciou hoxe venres 4 de abril, na Comisión 7ª de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes do Parlamento galego a “vergoñenta” xestión da Xunta na crise sanitaria provocada pola enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE), cualificándoa de “fracaso institucional, político e humano”.

Durante a comparecencia do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Vidal criticou con dureza a falta de transparencia e a resposta “insuficiente e descoordinada” do Goberno galego, especialmente en zonas como Ourense, onde, segundo indicou, “as explotacións estiveron completamente abandonadas pola Administración mentres os casos se multiplicaban”.

A nacionalista fixo fincapé nas cifras oficiais que recollen máis de 800 mortes e 5.300 casos positivos en Galicia, alertando de que “se ocultaron datos, negouse a realidade e lanzáronse notas de prensa mentireiras”. A súa intervención incluíu exemplos concretos do custe económico real das medidas impostas, destacando que moitas explotacións tiveron que asumir gastos superiores aos 700 euros por tratamento sen recibir compensacións adecuadas.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

“¿Como é posible que unha explotación con 25 vacas e 5 casos apenas reciba axudas, mentres outras con menos impacto cobren máis?”, preguntou Vidal, criticando a opacidade e inxustiza nos criterios de reparto das axudas.

A parlamentaria tamén denunciou que “mentres o gando morría, a Xunta seguía obrigando á vacinación contra a lingua azul sen criterios sanitarios claros”, e censurou o bloqueo do sistema telemático, a negativa a incorporar veterinarios da Deputación e a ausencia de información ás gandeiras afectadas.

Vidal acusou ao Executivo autonómico de priorizar a propaganda por riba das necesidades reais do sector, lembrando que “en pleno pico da crise, a Conselleira de Medio Rural estaba en Verín inaugurando unha base aérea, ignorando as solicitudes urxentes das gandeiras que levaban días sen durmir coas explotacións en colapso”.

Durante a súa intervención tamén fixo referencia ao baleiro sanitario decretado en Manzaneda, que  foi un entre os moitos que se están levando a cabo e acabando co gando, onde se sacrificaron 49 animais por un único positivo en tuberculose bovina.  Vidal cualificou a actuación de “desproporcionada” e pediu a revisión dos protocolos vixentes, reclamando a introdución de probas complementarias e un sistema de defensa para as explotacións.

Finalmente, a deputada nacionalista esixiu “responsabilidade política” e advertiu que “Galiza non pode permitirse un Goberno que lle dea as costas ao rural cando máis o precisa”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------