CIG : A Xunta aproveita o confinamento para executar a aberración da obra da estación

As obras nas inmediacións da estación do Empalme volveron comezar nesta semana. Máis alá da nosa condena a esta irresponsábel decisión de antepoñer a economía á saúde das persoas, queremos manifestar expresamente a nosa repulsa ao feito de que a Xunta pretenda aproveitar o confinamento da poboación para realizar unha obra que ten o rexeitamento do conxunto da sociedade ourensá, de maneira que a mobilización veciñal non pode exercerse por estar en estado de alarma. Aproveitan vilmente esta circunstancia para avanzar nunha obra socialmente repudiada ata que se chegue á situación de irreversibilidade. Parécenos unha irresponsabilidade manifesta do goberno galego, e un desprezo á toda a cidadanía de Ourense, que se manifestou amplamente en contra do proxecto e en defensa dunha intermodal digna. Desde a CIG, esiximos a paralización inmediata das obras, primeiro por defensa da saúde das persoas traballadoras, e segundo por non chegar a unha situación de non retorno, que imposibilite un proxecto alternativo. Seguimos manifestando o noso apoio á Plataforma Cidadá que loita por unha infraestrutura digna para Ourense, e animámolos a seguir nesa posición, ao tempo que lle esiximos á Xunta de Galicia que se faga eco do clamor social e de expertos colectivos como o Colexio de Arquitectura, e aposte decididamente por un proxecto tan vital para a nosa provincia como o desta infraestrutura.

AVANTAR ACTIVIDADES