Mariano Rajoy lembrou a súa infancia na vila e resaltou a riqueza artística, termal e paisaxística do Carballiño no pregón de apertura da Semana Santa

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

https://www.facebook.com/share/v/17s59Kra16

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O Carballiño abríu hoxe de xeito oficial no templo parroquial de A Veracruz o programa da Semana Santa cunha misa solemne e a lectura do pregón, que correu a cargo do expresidente do Goberno de España, Mariano Rajoy Brey. Non en van o político pontevedrés pasou unha boa parte da súa infancia na vila, onde o seu pai exerceu de xuíz do partido xudicial dende mediados dos anos 50 ata ben entrados os anos 60 do pasado século.

Nunha solleira mañá, a igrexa deseñada por Antonio Palacios acolleu a máis dun milleiro de persoas para asistir aos actos litúrxicos promovidos pola Unidade de Atención Parroquial de San Cibrao e a Confraría da Vera Cruz, que se iniciaron ás 12,30 horas co oficio dunha misa presidida polo párroco, Jorge Juan Pérez, e cantada pola Coral de Ruada de Ourense. O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, acompañado por outros membros da Corporación, foi quen de recibir aos convidados, como Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia; Luis Menor, presidente da Deputación Provincial, e Manuel Pardo, delegado da Xunta en Ourense, entre outras autoridades civís e militares, ademais do propio Mariano Rajoy, que amosou en todo momento a súa cercanía aos asistentes.

Unha vez rematado o oficio, o párroco procedeu á bendición da nova imaxe que a Confraría vén de incorporar ás procesións desta Semana Santa. Trátase dunha talla da Nosa Señora da Doce Esperanza, que acompañará ao Cristo da Saúde na procesión do vindeiro Xoves Santo. A continuación, Rafael Melero, cofrade maior da Vera Cruz, deu a benvida ás autoridades e agradeceu a Mariano Rajoy ter aceptado o convite para ser o pregoeiro oficial, dándolle paso deseguido para a súa exposición.

Na súa lectura, Rajoy, sen perder no discurso o ton xocoso e socarrón que lle é característico, lembrou os seus primeiros anos da súa infancia no Carballiño, onde o seu pai era xuiz de Instrucción, e a súa asistencia á escola para aprender as primeiras letras. O que fora presidente do Goberno do Estado poloa Partido Popular entre 2011 e 2018 resaltou a importancia das terras da comarca carballiñesa polo seu patrimonio artístico, a súa riqueza termal e fluvial, con mención especial ao río Arenteiro.

Un Arenteiro que soubo vencellar co homónimo club de fútbol do Carballiño, ao que sitou no mesmo escalón cá Lugo e Celta B, facendo fincapé -como madridista- que nestes intres se atopa por riba do Barcelona Atlético. E tamén tivo unha chiscaldela co presidente da entidade deportiva local, Argimiro Marnotes, ao que instou a manter o equipo na actual situación de vantaxe na categoría da Primeira Federación.  O acto inaugural da Semana Santa rematou coa interpretación do Himno Galego por parte das voces da Coral de Ruada e o seu grupo de gaitas e tambores.

Venres de Dores

A seguinte cita do programa da Semana Santa terá lugar o vindeiro venres, 11 de abril, coa procesión de traslado da Virxe Dolorosa dende a súa sede habitual da Igrexa Vella ata o templo da Veracruz. A procesión partirá ás 20,30 horas, unha vez rematada a misa, continuando pola rúas Vulcano, Mosquera, Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Os Canteiros ata chaegar á igrexa da Veracruz. O paso procesional estará acompañado da sección musical da Confraría Franciscana da Vera Cruz de Santiago de Compostela.