O Auditorio Manuel María do Carballiño acollerá o vindeiro domingo, 13 de abril, un espectáculo da compañía Malasombra para público infantil e familiar, dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA) coa que colabora o Concello. Trátase da montaxe “Os Fabulosos Cleaners”, á que se poderá asistir ás 18,00 horas, e cun prezo de 3,50€ por entrada.
O argumento desta obra céntrase en dous operarios da limpeza do teatro, que descobren por casaualidade as múltiples posibilidades que lles ofrecen as súas ferramentas de traballo combinadas con auga e xabón. A partir de aí, as personaxes emprenderán unha excitante viaxe conducidos polas fantásticas pompas e burbullas.
O público sorprenderase e gozará con estas máxicas burbullas; pompas transparentes, con fume, con vapor, pequenas, grandes, estáticas ou voando polo escenario. O espectador camiñará da man destas personaxes por un mundo máxico, cheo de cor e de moito, moito humor, e verase sorprendido dentro dun patio de butacas repleto de miles de pompas de xabón.
Creada polo alacantino Luis Beviá, que percorreu medio mundo co seu universo xabonoso (Londres, Hong-Kong, México, Colombia, Perú, Cuba, Grecia ou Islandia, entre outros países). Con Marcos Orsi na dirección e con Jouse García e Xoque Carbajal no escenario, “Os Fabulosos Cleaners” é unha montaxe para tódalas idades.