A Deputación financiará neste mandato preto dun millón de euros en obras e servizos municipais no marco de Plan CooperOU e doutras axudas
O presidente provincial coñeceu Casa Museo do Chocolate, único espazo dedicado a este produto que hai en Galicia, e o resultado da intervención realizada nunha das fachadas da residencia de maiores
O alcalde, Aquilino Domínguez, agradeceu o “esforzo inversor” da institución ourensá
Ourense, 9 de abril de 2025.
O presidente provincial, Luis Menor, destacou o “modelo turístico sostible” que desenvolve o Concello de Parada do Sil nunha visita institucional que realizou hoxe a este municipio da Ribeira Sacra, no que a Deputación de Ourense financiará obras durante o mandato actual preto dun millón de euros en obras e servizos.
Acompañado polo alcalde, Aquilino Domínguez, e membros da corporación local, Menor asinou no libro de honra do Concello, onde tras manter unha reunión de traballo puxo en valor a colaboración institucional, máis aló de signos políticos, así como os servizos que presta Parada de Sil, con investimentos que “teñen retorno en forma de desenvolvemento socioeconómico e atención á veciñanza”.
Pola súa banda, Aquilino Domínguez, agradeceu a visita institucional na que o presidente provincial “comprobou as necesidades do concello”. Tamén puxo en valor o “esforzo inversor” da Deputación en beneficio do municipio.
Durante a súa visita, Luis Menor coñeceu a colección museográfica da Casa Museo do Chocolate de Teimende, pola que pasan preto de 8.000 usuarios ao ano e no que a institución ourensá colaborou con axudas de 47.000 euros para a súa xestión e mantemento.
Alí escoitou as explicacións sobre o proceso de fabricación e distribución do chocolate como se facía no século pasado, a través dunha explicación no museo instalado en Teimende, único espazo destas características existente en Galicia.
Luis Menor tamén visitou a residencia de maiores, onde se realizou unha intervención no revestimento dunha das fachadas do centro, traballos financiados pola Deputación no marco do plan CooperOU, co que Parada de Sil se beneficiará de preto de 670.000 euros en axudas ata o ano 2027.