O Auditorio Manuel María do Carballiño acolle mañá, domingo día 20, pola tarde, unha das actividades do programa da Concellería de Cultura para o mes de abril e que conta coa colaboración da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA). Trátase da representación da obra “Cortello de Amor”, que correrá a cargo da compañía Amorodio Teatro e que está orientada ao público adulto e tamén xuvenil maior de 12 anos. A función comezará ás 19,00 horas e o prezo da entrada é de 5 euros.
“Cortello de amor” é unha comedia, moi galega, con retranca, que trata unha problemática actual como é os disparatados prezos dos alugueiros así como o turismo non sostible. Cóntanos que Jack e Rose, unha parella que ronda a trintena e que levan xuntos dende a adolescencia, van a un concerto do seu grupo favorito, Grande Amore, nunha praza céntrica a carón do seu piso.
Logo dunha festa memorable que paraliza a cidade pola afluencia masiva de público, os membros do grupo non conseguen arrincar a súa furgoneta. Rose e Jack, fans incondicionais, non o dubidan e deciden ofrecerlles a súa casa para pasar a noite, e durmir eles dous no faiado, e a partir de aí enfrontaranse a unha serie de peripecias.
Esta montaxe é da autoría de Laura Porto, con Marián Bañobre na dirección e Grande Amore na parte musical. En escea estarán Carmen Facorro e Javier Castiñeira, e Violeta Martínez encárgase do deseño da iluminación.