O BNG denuncia a contaminación por cianobacterias en Cachamuíña

Iago Tabarés ven de demandar no Parlamento de Galiza explicacións e un plan para impedir a reiterada contaminación e a protección da flora e fauna do encoro de Cachamuíña e do río Loña

O deputado do BNG no parlamento de Galiza, Iago Tabarés, demanda á Xunta realizar análises periódicas das augas do río Loña no encoro de Cachamuíña e zonas próximas, a fin de detectar contaminación por cianobácterias; así como, previa determinación das causas polas que se están producindo, elaborar un plan para impedir a reiteración destes episodios de contaminación e a protección da flora e fauna deste espazo.

AVANTAR ACTIVIDADES

Así mesmo o deputado nacionalista esixe explicacións do goberno galego para  coñecer cantas análises realizou a Xunta dende o ano 2014 nas augas do río Loña en xeral e nos encoros de Cachamuíña e Castadón; cal é a orixe desta contaminación e cales son as súas consecuencias; e sobre todo que medidas adoptou a Xunta para evitar a eventual reiteración deses episodios de contaminación e a rexeneración e recuperación do medio ambiente degradado.

“Non é explicábel que esteamos a falar, novamente, de contaminación por cianobacterias no encoro de Cachamuíña, nos ríos Loña, Grañal e Gaiolas, coa degradación natural que produce nos espazos naturais, un dos lugares de lecer frecuentados pola poboación de Ourense e comarca.” Declaraou Tabarés que indicou que non é a primeira vez que Cachamuiña sofre episodios de contaminación, pois xa nos anos 2014, 2107 ou máis recentemente no 2020 as augas do encoro presentaron elevados niveis de cianobacterias.

Porén dende hai uns días o encoro de Cachamuiña , no concello de Pereiro de Aguiar, presenta unha importante contaminación por cianobacterias. Contaminación apreciable a simple vista pola coloración verdusca das augas e que foi corroborada polas análises realizadas por técnicos da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

A aparición destas algas provoca unha redución do nivel de oxíxeno da auga pondo en perigo as algas e a fauna do río Loña en xeral e do encoro de Cachamuíña en particular.

Pola súa banda o voceiro do BNG do Pereiro de Aguiar, Rubén García, esixe  maiores controis das augas dos ríos que fornecen este encoro, pois non só é un dos principais espazos de ocio do concello, senon tamén da comarca, “hai unha completa deixazón das funcións por parte das administracións competentes”

 García advertiu que neste verán de 2022 o concello do Pereiro verase privado non só deste espazo trasformado en vertedoiro contaminado, senón tamén do parque acuático e das piscinas pola neglixente xestión da Xunta de Galiza