A OMIX de Ribadavia informa sobre un seminario internacional para profesionais do traballo xuvenil

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Do 20 ó 22 de maio de 2025, a cidade de Koper, Eslovenia, será a sede do seminario internacional “Participation in Youth Work – Exchange of Expertise” , organizado pola asociación PiNA no marco do programa Erasmus+. Este evento reunirá a profesionais do traballo xuvenil de toda Europa co obxectivo de compartir experiencias e metodoloxias efectivas que promovan a participación activa da xuventude.

Durante o seminario, as persoas participantes traballarán de forma colaborativa arredor da temática da participación xuvenil, explorando diferentes enfoques e metodoloxías. O programa incluirá un intercambio de boas prácticas no ámbito do traballo xuvenil, debates e obradoiros prácticos sobre ferramentas participativas e espazos de reflexión compartida arredor de experiencias profesionais en contextos europeos.

Estas actividades permitirán fortalecer competencias profesionais, crear redes entre persoas do sector xuvenil e promover metodoloxías innovadoras para impulsar a participación da mocidade. A través deste encontro, preténdese concienciar á mocidade sobre o futuro de Europa, fomentando a superación de fronteiras sociais e culturais, a creación de valores comúns entre culturas diversas, a apertura á interculturalidade e a comprensión e impulso dos obxectivos de xuventude europea. En definitiva, un proxecto que busca dar voz á mocidade e promover unha cidadanía activa, creativa e comprometida.

O seminario está dirixido a 15 persoas, cunha idade mínima de 21 anos e procedentes de distintos países da Unión Europea ou estados asociados ao programa Erasmus+. A selección centrarase en persoas con experiencia e interese no ámbito da participación xuvenil. Así, o perfil requirido céntrase en profesionais do traballo xuvenil (youth workers); representantes de organizacións xuvenís; expertos/as no eido da mocidade e persoas interesadas especificamente na temática da participación.

As persoas interesadas deben cubrir o formulario en liña dispoñible na páxina web: https://pinaforms.typeform.com/to/ZC8pJEoa sendo a data límite de inscrición o vindeiro 20 de abril. Unha vez pechado o prazo de inscrición, a organización PiNA comunicará ás persoas seleccionadas a súa participación no seminario. Pódese solicitar máis información na OMIX de Ribadavia (omix.ribadavia@gmail.com/+34 988 471 929).