Os espectadores que asistiron ás funcións de “O Clownconcurso” do Carballiño foron quenes de decidir que o espectáculo “Sen destino” que presentou a compañía Clownómadas é o mellor espectáculo desta primeira edición, que se desenvolveu nos días 15 ao 19 no Auditorio Manuel María da vila. Tras unha emocionante e reñida votación, a compañía chegada de Mallorca alzouse co primeiro posto cunha proposta escénica cargada de humor, emoción e talento que conquistou ao público, que se fixo acredora do premio de 1.500 euros.
A decisión non foi doada, xa que a votación estivo moi axustada e reflexou o altísimo nivel de todas as compañías participantes, que ofreceron funcións moi aplaudidas e ben recibidas pola audiencia. Aínda así, Clownómadas conseguiu destacar pola súa orixinalidade e entrega enriba do escenario, según salientan dende a organización, deixando unha forte pegada nesta primeira edición.
Unha edición que estivo organizada pola Escola Galega de Clowns coa colaboración do Concello e a Deputación de Ourense e no que participaron un total de catro compañías do País Vasco, Navarra, Illas Baleares e Portugal. Ademais, programouse un curso intensivo de clown, “Caer na tentación”, a cargo de Caroline Dream, ao que asistiron 16 persoas.
O programa de espectáculos tivo lugar no Auditorio Manuel María cun horario de inicio fixado para as 20,30 horas e cun prezo da entrada para cada función de 3€, con venta en taquillla, aínda que tamén se puxeron á disposición do público bonos de 10 euros para poder asistir a todas as sesións. O festival abriuse coa compañía portuguesa María D’Alegría, que presentou “Umana”, unha viaxe cómica sobre o paso do tempo e o desexo da eterna mocidade. O mércores 16 foi o turno de Heyoka Clown, de Bilbao, que ofreceron “Lo que me sale de la concha”, unha historia máxica e imperfecta que nos lembra a beleza de ser auténticos.
O xoves 17, o navarro Mikel Osete presentou “The Return of Delirios”, un regreso triunfal, ou non tanto, con malabares, prestidixitación e moito humor. As funcions remataron o venres 18 precisamente coa montaxe gañadora, “Sen destino”, dos mallorquins Clownómadas, que conta a historia dun pallaso errante que transforma a incertidume en poesía e risas. O festival clausurouse o sábado, día 19, ás 20,30 horas, cunha mostra do curso impartido por Caroline Dream e a gala de entrega de premios aos mellores espectáculos.