O “VII Car Outlet Ourense” terá lugar do 9 ao 11 de maio en Expourense

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O “VII Car Outlet Ourense”, que ía ter lugar en Expourense esta fin de semana, do 25 ao 27 de abril, posponse 15 días e celebrarase definitivamente entre o 9 e o 11 de maio. As dúas entidades organizadoras desta cita, Expourense e a Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense (ACAUTO), decidiron no día de onte adiar este evento logo do repentino falecemento do presidente de ACAUTO, Ramón Seijas Pérez.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Ramón Seijas foi un dos principais promotores e valedores tanto do Car Outlet como dos dous Salóns do Automóbil (Novo e de Ocasión) que se celebran no recinto nos meses de outubro ou novembro. Expourense lamenta profundamente este pasamento, agradecéndolle todos estes anos de estreita cooperación no seu papel á fronte de ACAUTO e trasmitíndolle ao mesmo tempo todo o seu ánimo e apoio á xunta directiva desta Asociacón.

O “VII Car Outlet Ourense” celebrarase en Expourense entre o 9 e o 11 de maio e está confirmada a participación de 15 concesionarios de ACAUTO que representan a un total de 27 marcas. Esta cita voltará ofrecer as mellores oportunidades do mercado de vehículos de ocasión e segunda man con todas as garantías que brindan os concesionarios oficiais.

O horario de apertura do salón será, o venres 9 de maio, de 11,00 a 20,30 horas; o sábado 10, de 10,00 a 20,30 horas, e o domingo 11, de 11,00 a 20,00 horas. A entrada terá un custo de 3 euros, sendo gratuíta para os menores de 12 anos. Haberá ademais un servizo de ludoteca gratuíto.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------