Rosendo Fernández felicita ao alcalde de Maceda, Rubén Quintas, pola “gran demostración de solidariedade” trala chegada de refuxiados ucraínos á vila

IES CHAMOSO LAMAS

O convoi humanitario encabezado polo rexedor, que trouxo desde a fronteira con Polonia a 9 menores e 11 mulleres, é unha mostra da axuda que os ourensáns saben valorar “pois como pobo de emigrantes coñecen moi ben estas circunstancias”, en referencia á necesidade de deixar ás súas familias e á súa vida para ir cara outros países 

O vivido na fronteira polaca, afirmou Rubén Quintas, é unha estampa “moitísimo peor da que se pode ver en televisión, e sobre todo no que se refire aos nenos: A solidariedade de todo o mundo vai ser máis forte que as balas de Putin”. 

HIPER MASIDE

Mañá luns comeza a funcionar no parque de maquinaria, no polígono de San Cibrao, o centro loxístico no que a Deputación reunirá o material recollido en colaboración co Concello de Ourense para realizar un primeiro envío en resposta á petición de axuda realizada desde a localidade polaca de Ladek-Zdroj, integrada na European Historic Thermal Towns Association (EHTTA), para atender aos refuxiados ucraínos que cruzan a fronteira polaca 

Ourense, 13 de marzo de 2022.- O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, felicitou hoxe ao alcalde de Maceda, Rubén Quintas, “pola súa gran demostración de solidariedade” ao conseguir traer á vila a 20 refuxiados ucraínos -9 menores e 11 mulleres adultas- que se atopaban na fronteira de Polonia fuxindo da guerra provocada pola invasión rusa do seu país. Unha estampa, definiu o propio alcalde de Maceda, “moitísimo peor da que se pode ver en televisión, e sobre todo no que se refire aos nenos”. 

Accións como a realizada polo grupo de voluntarios que encabezou Rubén Quintas, dixo Rosendo Fernández, “demostran a solidariedade da provincia de Ourense, das súas xentes e das súas institucións cos refuxiados”. Unha axuda que os ourensáns saben valorar “pois como pobo de emigrantes coñecen moi ben estas circunstancias”, destacou Fernández referíndose así á necesidade de deixar ás súas familias e á súa vida para ir cara outros países. 

O vicepresidente da Deputación expresou a súa satisfacción pola chegada deste primeiro grupo de refuxiados, ao tempo que destacou a canalización de toda a axuda humanitaria a través do centro loxístico que mañá luns porá en marcha a institución provincial no parque de maquinaria situado no polígono de San Cibrao. 

“A solidariedade de todo o mundo vai ser máis forte que as balas de Putin”, manifestou con rotundidade o alcalde de Maceda trala chegada, “logo dunha viaxe moi dura”, do convoi humanitario á vila, con 9 menores e 11 adultos, aos que se unirán en próximos días un bebé, a súa nai e a súa aboa, xa que o pequeno está ingresado nun hospital polaco. “As mulleres perderon as súas casas polos bombardeos, a súa vida e aos seus homes, que non poden saír do país, o que fai aínda máis duro escoitar aos cativos preguntar polos seus pais”. 

Tras descansar en tres hoteis de Maceda que cederon as súas habitacións de xeito altruísta, os cativos e as mulleres pasarán mañá unha revisión médica no centro de saúde e contarán con apoio psicolóxico permanente, explicou Ruben Quintas. Logo serán os servizos xurídicos e sociais, xunto con Cruz Vermella de Maceda e Ourense, os que canalizarán “os centos de ofrecementos de axuda”. 

Centro loxístico da Deputación 

Precisamente para coordinar e canalizar o envío de axuda humanitaria á fronteira con Ucraína, a Deputación de Ourense porá en marcha mañá luns un centro loxístico no parque de maquinaria situado no polígono de San Cibrao das Viñas. Alí, a institución provincial reunirá o material recollido en colaboración co Concello de Ourense para, nos próximos días, realizar un primeiro envío en resposta á petición de axuda realizada desde a localidade polaca de Ladek-Zdroj, integrada na European Historic Thermal Towns Association (EHTTA), para atender aos refuxiados ucraínos que cruzan a fronteira polaca. 

Ademais, nunha carta remitida a todos os concellos, a Deputación informa do dispositivo posto en marcha pola Área de Benestar, onde un grupo de traballo técnico agrupará toda a información sobre as iniciativas que se estean levando a cabo co fin de coordinar e complementar a axuda. Así habilitouse un enderezo electrónico e un teléfono (ourenseconucrania@depourense.es – 988 317 772) para que os concellos faciliten unha persoa de contacto que permita coñecer, dun xeito áxil, que poden ofrecer e enviar. Nada máis informar desta iniciativa, o Concello de Chandrexa de Queixa xa puso a disposición sete vivendas sociais para acoller a refuxiados, que se suman ás dúas vivendas ofrecidas polo Inorde na estación de Vilavella (A Mezquita)