Castrelo de Miño rendeu homenaxe aos seus maiores cun xantar popular e actuacións musicais

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O pavillón polideportivo da localidade de Astariz acolleu hoxe a ‘IV Festa do Maior’, organizada polo Concello de Castrelo de Miño coa colaboración da Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia. Unha xuntanza moi animada que comezou ás 12,00 horas coa recepción do alcalde, Avelino Pazos, aos convidados, entre os que se atopaban o presidente da institución provincial, Luis Meno; director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, e o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén.

A continuación, o vicario episcopal para o Clero, Pablo César González Carballo, foi o encargado de oficiar unha misa, que contou co acompañamento da Coral de Ruada, que tamén ofreceu un concerto unha vez rematados os actos litúrxicos. As persoas maiores do municipio de Castrelo puideron desfrutar despois dun xantar de confraternidade, cun menú composto por táboa de ibéricos, empanada, falda de tenreira asada con patacas, bica, viño da D.O. Ribeiro, auga, refrescos, café e licores, todo elo con acompañamento musical.

O presidente da Deputación, Luis Menor, transmitiulle ao alcalde, Avelino Pazos, o seu agradecemento, en nome da Deputación, polo seu “empeño” en “honrar os valores dos nosos maiores” a través dunha celebración anual adicada a eles, a Festa do Maior. Precisamente, o presidente provincial recalcou que as persoas protagonistas deste festexo “sodes os que nos fixestes medrar como sociedade e ser o que somos”.

“Sen vós, non teríamos moitas das cousas que ás seguintes xeracións nos fixeron medrar como persoas e crer na nosa sociedade: educación, valores, compromiso, capacidade de esforzo e, creo que hoxe máis que nunca, coidado dos nosos maiores”, recalcou Menor, quen sinalou que o obxecto da Festa do Maior é festexar a idade: “Porque os anos son vida, queridas veciñas e veciños. E iso hai que polo en valor”.

Precisamente por elo, o presidente provincial proclamou que “para a Deputación é e seguirá a ser unha prioridade desenvolver políticas públicas que melloren a calidade de vida e o benestar das persoas maiores”.